22 desempregados de Cotobade, Campo Lameiro e Cerdedo beneficiaranse do primeiro obradoiro de emprego da Conca do Lérez
Por Redacción
A Conca do Lérez contará este ano co seu primeiro obradoiro de emprego conxunto. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou este mércores que o departamento autonómico vén de conceder esta iniciativa mixta de formación e emprego aos concellos de Cotobade, Campo Lameiro e Cerdedo, que compartirán esta actuación na que o Goberno galego investirá preto de 200.000 euros.
O I Obradoiro de Emprego Conca do Lérez beneficiará a un total de 22 persoas sen emprego que poderán formarse e acadar un posto laboral nas especialidades de atención sociosanitaria no domicilio e en traballos forestais. A titular de Traballo explicou que son profesións que contan cunha porcentaxe de inserción laboral por riba da media, xa que en 2012 preto do 50 por cento dos alumnos que se formaron nestas dúas especialidades lograron atopar un posto de traballo.
Ademais, Beatriz Mato apuntou que os obradoiros levan aparellado, ao mesmo tempo, a realización de obras ou servizos de interese para a comunidade. Neste senso, indicou que o obradoiro da Conca do Lérez servirá, por unha banda, para actuar na mellora, acondicionamento e rehabilitación das zonas verdes e rurais da área e, por outra parte, ofrecerá un servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia dos tres concellos.
Mato sinalou que con este tipo de iniciativas se imparte unha formación homologada, que vai asociada a un certificado de validez para todo o territorio nacional.