A Xunta reforza o Servizo de Axuda no Fogar na provincia
Por Redacción
A Xunta de Galicia reforzou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na provincia de Pontevedra con 122.000 horas máis ao mes para a atención das persoas con necesidades asistenciais. O Goberno galego asume o importe que pagaba habitualmente o usuario, polo que non suporá ningún gasto para este.
No conxunto de Galicia, o Goberno galego reforzará este servizo coa asignación de 500.000 novas horas de coidado a domicilio ao mes. Unha medida que supón un investimento de 6 millóns de euros ao mes e estenderase durante o tempo que dure a situación de emerxencia sanitaria e de estado de alarma. O obxectivo é proporcionar unha atención profesional a todas aquelas persoas que non eran usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, pero poidan precisar a atención nesta situación excepcional.
Neste sentido, priorizaranse os casos máis urxentes detectados polo Programa de Asignación de Recursos, así como as persoas usuarias de centro de día, servizo que desde a declaración de emerxencia sanitaria permanece pechado. Así mesmo, tamén se terán en conta aquelas persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser valorada.
O Plan social de continxencia aprobado polo Consello da Xunta inclúe outras medidas como un sistema de seguimento telefónico diario para as 14.400 persoas maiores ou con discapacidade que son usuarias dun centro de día ou ocupacional ademais, ás persoas que o necesitan repárteselle 900 menús semanais nos seus domicilios.