O BNG de Marín critica a Defensa por estar "de costas ao pobo" e negar a cesión do antiguo Hospital Naval
Por Redacción
O BNG de Marín fixo público este xoves o seu "malestar" coa decisión do Ministerio de Defensa de non poñer ao dispor da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés as instalacións do antigo Hospital Naval da localidade para que se use como hospital de pacientes leves con coronavirus en caso de colapso do resto das instalacións sanitarias.
Os nacionalistas consideran que a solicitude realizada polo Servizo Galego de Saúde "ten lóxica", xa que as instalacións, aínda que xa non teñen equipamento sanitario, si están estruturadas para poder acondicionar o antigo hospital en caso de necesidade se o resto dos hospitais quedan sen camas.
Lucía Santos Omil, portavoz municipal do BNG de Marín, sinala que non comprende a "falta de colaboración" do Ministerio de Defensa nunha situación tan grave como a que se está a vivir. "Unha vez máis, dan as costas ao pobo negándose a poñer as súas instalacións ao servizo da cidadanía", critica.
Lembra, nesta liña, que tempo atrás, antes da construción do novo centro de saúde de Marín, Defensa xa rexeitou a solicitude de poñer o antigo hospital militar ao Servizo Galego de Saúde. Así, critica que "non tivo en conta esta necesidade e optou por destinalo a hotel de luxo para uso interno exclusivo a 'prezo subvencionado'". As instalacións son na actualidade unha residencia de suboficiais.
O Ministerio de Defensa xustificou a súa negativa alegando que as instalacións xa non teñen equipamento sanitario. Respecto disto, o BNG lembra que o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que si aceptou a solicitude e puxo a disposición todas as súas instalacións, tampouco conta con equipamento sanitario.
En opinión de Lucía Santos Omil, con esta actitude, Defensa demostra "que prefiren ter un hotel baleiro antes de prestalo para un servizo tan importante e esencial como é a saúde".
Relacionadas:
-
A residencia do CGTD, de aloxar bombeiros nos incendios de 2006 a reforzo na loita contra o coronavirus
Por Diego Espiño |
-
O Sergas non poderá derivar pacientes ao antigo Hospital Naval de Marín en caso de colapso, pero si ao CGTD
Por Natalia Puga |
-
O Hospital Naval de Marín, unha "alternativa" para 100 pacientes leves de coronavirus en caso de colapso
Por Natalia Puga |