Catalina loce máis grande e brillante sobre as Rías Baixas
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Esta noite a Lúa luciu especialmente grande e brillante. Chamárona a superlúa rosa de abril. En febreiro houbo outra que chamaron lúa de neve e a de marzo foi a de verme. Nesta ocasión, a desta noite debe o seu nome á cor das flores dunha planta silvestre que crecen nos bosques e campos de Estados Unidos durante este mes. Desilusión por tanto para quen esperaba ver a Catalina lucindo desa cor.
A superlúa desta noite foi a máis grande e brillante que haberá en 2020. Co tamaño do satélite aumentado un 7% e un escintileo un 15% máis forte, segundo o Observatorio Astronómico Nacional.
Na páxina web da NASA explican que o termo superlúa foi acuñado en 1979 e describe o que os astrónomos chamarían unha Lúa chea de perigeo, cando esta fase coincide co punto da súa órbita máis próximo á Terra.
Catalina estivo esta noite máis preto que o resto do ano ao situarse a 357.035 quilómetros do noso planeta.
Se se perderon este evento astronómico e non teñen suficiente con gozar coas fotos de Cristina Saiz, volven ter outra oportunidade o día 7 do mes que vén. Con sorte o ceo estará despexado de nubes e xa non estaremos confinados.