O Comedor Social de Marín está a despachar 90 comidas para levar e outras 40 a domicilio
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, convocou por vía telemática este martes aos portavoces dos grupos políticos que conforman a Corporación marinense a unha Xunta de Portavoces para dar conta sobre o protocolo de acción local contra o coronavirus que está a levar a cabo o Concello e analizar as necesidades de tomar novas medidas tanto sociais como económicas para tratar de paliar as consecuencias que acarrea a crise sanitaria.
A xunta contou así coa participación, ademais da alcaldesa, do portavoz do Partido Popular, Manuel Santos; do portavoz do Partido Socialista, Manuel Pazos, e da portavoz do BNG, Lucía Santos.
Unha das informacións das que se deu conta na Xunta foi a posta en marcha das probas PCR ao persoal que traballa na Residencia da Terceira Idade, que deron todas negativas.
Por outra banda, a alcaldesa asegurou que tanto a Policía Local, como a Policía Nacional, o Centro de Saúde e todos os servizos públicos esenciais que seguen en funcionamento contan con todo o material necesario para protexer ao persoal.
Unha das novas medidas que se tomou durante as últimas semanas foi a posta en marcha de bonos de axuda, en coordinación co departamento de Servizos Sociais, para as familias máis desfavorecidas da vila, cos que axudar á adquisición de produtos alimenticios.
Segundo as cifras expostas na Xunta de Portavoces, no Comedor Social están a despacharse 90 racións de comida para levar, ademais doutras 40 que se reparten a domicilio, cumprindo con todas as medidas de prevención e hixiene.
No que respecta ao resto de organizacións sen ánimo de lucro, están centrando a súa axuda na subministración de produtos non perecedoiros a un total de 400 familias.
Asemade, estanse resolvendo as subvencións nominativas para que todas estas entidades sociais poidan contar con elas.
O Servizo de Axuda no Fogar segue tamén funcionando ao cen por cen, dándose de alta a sete novos usuarios durante estes días, que se suman aos máis de 80 que xa viñan sendo atendidos con anterioridade.
Ademais, segue avanzando a teleasistencia ás persoas de máis idade, para saber da súa situación, por se precisan algún tipo de axuda, que lles é prestada polos voluntarios de Protección Civil, en coordinación co Concello. Ao inicio desta medida contactábase cos maiores de 80 anos, pero na última semana as chamadas ampliáronse a partir dos 75.
En total, segundo as cifras que manexa a Concellaría de Benestar Social contactouse con case 1.000 veciños, cerca de 30 dos cales manifestaron precisar axuda puntual.
Finalmente, e a proposta conxunta de todos os portavoces, acordouse que se destinarán os importes económicos non percibidos polos membros da Corporación a incrementar aquelas partidas que se consideren máis necesarias dentro da área de Servizos Sociais.
LIMPEZA
Os traballos de desinfección e limpeza das rúas de todo o municipio seguen o seu curso, coa participación das brigadas de limpeza, que traballan por quendas; de Protección Civil e das empresas que, solidariamente, aportan o seu gran de área.
Ese é o caso de Servisub, que axudou na desinfección dos vehículos oficiais de limpeza e da Policía Local cun canón de ozono.
OBRA PÚBLICA
Se todo segue como até agora, a actividade da construción volverá a partir do próximo luns e, polo tanto, retomaranse aquelas obras que estaban a executarse desde o Concello, como a II fase da humanización de Concepción Arenal ou a renovación das bombas hidráulicas do colector da Goleta, en Aguete.
A Xunta de Portavoces volverá celebrarse a próxima semana, tamén telemáticamente.