As lonxas recibirán máscaras para previr contaxios durante as poxas
Por Redacción
Os traballadores das lonxas nas que se vende o peixe capturado pola frota galega recibirán nas próximas horas un lote de 10.000 máscaras por parte da Xunta para mellorar a seguridade e previr o contaxio do coronavirus entre os profesionais que continúan comercializando estes alimentos de calidade e primeira necesidade a pesar do estado de alarma.
A mercadoría foi posta ao dispor do Servizo de Gardacostas de Galicia, quen se ocupará de realizar a entrega nos diferentes establecementos situados nos peiraos da comunidade.
As máscaras serán entregadas naquelas lonxas que se manteñen activas en función do seu volume de actividade. Na provincia de Pontevedra, recibirán estes elementos as rulas de Portonovo, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Bueu, Cangas, Vilanova de Arousa, A Guarda, Redondela, Campelo, Moaña, Carril e a Cooperativa Ría de Arousa.
Doutra banda, a Xunta reitera as excepcionais medidas de precaución que se deben aplicar nestes lugares para previr contaxios. Reducir as actividades presenciais, fomentar o teletraballo e prohibir a entrada de persoas alleas ao operativo do comercio do peixe son algunhas das medidas adoptadas polo executivo que preside Alberto Núñez Feijoo.