Denuncian o uso da ambulancia de Protección Civil de Vilagarcía para trasladar pacientes de alta por coronavirus no Hospital do Salnés
Por Redacción
O uso dunha ambulancia de Protección Civil de Vilagarcía para trasladar a pacientes dados de alta por COVID-19 no Hospital do Salnés levantou a polémica. Mentres o Concello de Vilagarcía afirmaba que esta actuación permitía desconxestionar o centro hospitalario, a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra negábao e sinalaba que só se utilizou esta ambulancia para o traslado dun paciente.
Agora o sindicato FGAMT-CIG de Pontevedra, a través de Xavier Aboi, tamén nega que exista conxestión no centro sanitario e arremete contra Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, por autorizar esta intervención.
Aboi reclama a adopción de medidas para que situacións como a sucedida o 1 de abril con este traslado non se repitan. Entende que os responsables municipais de Vilagarcía e o vicepresidente da Xunta equivócanse ao presumir do uso da ambulancia de Protección Civil para desconxestionar o Hospital do Salnés.
Desde o sindicato sinalan que desde a alerta sanitaria provocada polo coronavirus hai ambulancias públicas suficientes tanto no Salnés como en Pontevedra xa que non se realizan outros servizos e os recursos destínanse principalmente á atención de casos de coronavirus.
Sinala que o traslado solicitado pola dirección do Hospital a Protección Civil de Vilagarcía foi para realizar o alta a domicilio dun caso de COVID-19 a través de persoas voluntarias integrantes da agrupación, persoas das que se descoñece, segundo a FGAMT-CIG, se contan con titulación e coa formación necesaria polos protocolos establecidos polo Ministerio de Sanidade e pola Xunta para esta intervención.
Xavier Aboi insiste na necesidade de reforzar o servizo público e reclama que se deixe de "regalar" financiamento público a certas entidades, sen que exista algún tipo de control, mentres se incumpre o contrato polo que se regula o transporte sanitario e a normativa que establece as características técnicas dos equipos materiais e humanos.
Pide á xerencia dos Hospitais de Pontevedra e O Salnés que comproben os feitos denunciados e que se adopten medidas reais e urxentes para que esta situación non se repita para non deteriorar o sistema público galego que está a ser de vital importancia para toda a sociedade.