Cabalos salvaxes, sen servizo de recollida polo coronavirus
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra informa que o servizo de recollida de cabalos salvaxes queda en suspenso durante o tempo das restricións do estado de alarma, agás para casos de emerxencia.
O concelleiro Iván Puentes aclara que esta suspensión afecta "tanto ás operacións necesarias para atrapar os animais como aquelas para subilos ao camión que deben facerse entre varias persoas, o que incumpriría os protocolos de seguridade". E engade que "non se atopa entre as actividades consideradas esenciais polo Concello e, en todo caso, as medidas de confinamento impiden que os veciños se poidan atopar con exemplares e comunicalo á Administración local".
Non obstante, no caso de que no ámbito municipal de Pontevedra tivese lugar algunha incidencia como a acontecida o pasado 25 de marzo en Paraños (Covelo), cando un home atropelou mortalmente un cabalo co seu vehículo, o Servizo de Medio Ambiente porá en marcha as actuacións de emerxencia necesarias para recoller o corpo, auxiliar ao animal ou sacrificalo, no caso de que quede malferido, sempre mantendo as máximas medidas de seguridade.
RECOLLIDA DE CABALOS SALVAXES
A escaseza de zonas de pasto, sobre todo nas tempadas cos veráns máis secos, leva a algúns grupos de cabalos salvaxes procedentes dos montes de Moraña, Amil ou Marín a atravesar os límites co concello de Pontevedra e invadir propiedades privadas ou comunais en busca de alimento. Só nos últimos dous anos o Servizo Municipal de Medio Ambiente tramitou a recollida dunha vintena de exemplares equinos en diversas parroquias de Pontevedra, esencialmente Verducido, Salcedo, Alba e Cerponzóns.
O departamento dependente da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural conta coa Asociación Cabalar do Monte de Campañó para a prestación deste servizo de retirada, transporte e manutención dos animais. Os cabalos reciben coidados e comida nunhas instalacións axeitadas á espera da celebración da poxa pública.
O principal obxectivo das poxas é atopar un propietario para os cabalos salvaxes e regularizar a súa situación coa maior prontitude posible, evitando así que, ao non dar cun dono, a Xunta de Galicia se faga cargo del e remate por sacrificalo. Por este motivo, os prezos polos que soen adquirirse os animais adoitan ser axustados: un único exemplar pode estar entre os 30 e os 70 euros e un lote duns oito cabalos en algo máis de 200 euros.
Relacionadas:
-
Bueu trasladará á Xunta o problema dos cabalos salvaxes en Ermelo
Por Redacción |
-
Os servizos sociais de Moraña prestan atención a 160 familias durante a corentena
Por Redacción |
-
Cuspedriños celebra este domingo unha nova edición da Rapa das Bestas
Por Redacción |
-
Un programa identificará a 400 cabalos nos montes da provincia
Por Redacción |
-
Oito cabalos volven estragar os cultivos no lugar do Rañadoiro
Por Redacción |