O PP súmase á demanda dunha "casa de cultura digna " para Salcedo
Por Redacción
Os concelleiros do Partido Popular María José Rodríguez, Pablo Fernández e Jacobo Moreira mantiveron este mércores un encontro con representantes da plataforma cidadá constituída en Salcedo para que o Concello de Pontevedra reconsidere "o deficitario proxecto" que está a impulsar para dotar dunha casa de cultura a esta parroquia e retome a iniciativa nos termos na que estaba prevista desde hai varios anos.
Rodríguez, Fernández e Moreira asumiron plenamente a demanda do colectivo social e coincidiron por completo coa postura dos seus portavoces.
Deste xeito, incidiron "na existencia hai tempo dun proxecto municipal proporcionado para as necesidades da parroquia, en especial as da coñecida Banda de Música de Salcedo, que se converteu finalmente nunha mala copia que queda moi lonxe do que demanda unha agrupación cultural tan numerosa como esta ", uns 150 músicos entre as distintas categorías.
Segúndo informan dende o Partido Popular, a obra que quere facer o Concello deixaría un local dunha soa planta con compartimentos separados por paneis sen a imprescindible insonorización inherente ás prácticas e ensaios musicais. Ademais, a banda de música principal, de 80 membros, "nin sequera tería espazo para formar axeitadamente".
O voceiro popular, Jacobo Moreira, está convencido de que o Concello reuniu días atrás ao consello parroquial, un órgano ideado como representación dos veciños "pero deseñado baixo estrito control dos concelleiros do BNG, para xustificar o seu cambio de criterio e reducir o investimento previsto de 1,6 millóns a 500.000 euros sen atender cuestións de funcionalidade".
Jacobo Moreira indicou, que "aínda que Lores queira manter a mentira da boa saúde financeira do Concello o certo e que os investimentos municipais desaparecen ou diminúen sen explicación. E o que non ten ningún sentido e impulsar unha obra que non vai servir para o que foi ideada no seu día. Creo que o alcalde ten que ser sensible coas necesidades do principal emblema cultural desta parroquia, como é a histórica banda de música, e retomar o proxecto anterior".
Relacionadas:
-
Flashmob na Peregrina contra "unha casa de cultura sen cultura" en Salcedo
Por Natalia Puga |
-
A 'Plataforma Cidadá por unha Casa de Cultura Digna para Salcedo' insiste en cambiar o proxecto
Por Redacción |
-
O Consello parroquial de Salcedo apoia o proxecto da nova Casa de Cultura co rexeitamento da Banda de Música
Por Redacción |
-
Reclaman máis medios para a Casa de Cultura de Salcedo e o Concello responde "se queren un Conservatorio que falen coa Xunta"
Por Oskar Viéitez |