O Concello de Caldas mantén o reforzo de hixienización
Por
O Concello de Caldas de Reis vén intensificando estes últimos últimos días a limpeza e desinfección nos núcleos rurais nos puntos máis concorridos e co obxectivo de aumentar a protección destes veciños do municipio. Xa desde o inicio do estado de alarma o Servizo de Obras percorre as parroquias de Caldas con operativos especiais de hixienización e desinfección.
Os protocolos inciden especialmente nas illas de contedores e a súa contorna; centros sociais, establecementos de alimentación, farmacias, ou en fontes onde a poboación acode para aprovisionarse de auga. O persoal deste servizo tamén está a realizar actuacións de roza e acondicionamento; caso das estacións depuradoras de augas residuais, nas que o persoal de Medio Ambiente continúa co mantemento semanal.
Co comezo desta semana empezouse un programa especial de limpeza e desinfección dos depósitos destinados a residuos sólidos urbanos; programa que estaba contemplado pero que se adiantou con motivo desta excepcional situación sanitaria. Para tal fin contratouse expresamente a unha empresa con infraestrutura adecuada para este fin.
Os Servizos Sociais, en colaboración con Policía Local e Protección Civil, tamén están a prestar atención aos veciños do rural, garantindo a subministración de produtos de primeira necesidade, farmaceúticos ou de hixiene a persoas dependentes ou con calquera emerxencia. Para atender calquera situación esencial están os teléfonos 609 829 292 ou 986 191 958.
O alcalde, Juan Manuel Rey, agradecía aos veciños das parroquias "a súa colaboración no cumprimento das normas de autoprotección establecidas nestes momentos" así como o esforzo e coordinación de todos os servizos municipais.