Pontevedra estrea a vía telemática para reunir os seus órganos de decisión
Por Alejandro Espiño
A Xunta de Goberno que, como cada luns, celebrará mañá o goberno municipal de Pontevedra estreará a vía telemática coa que, a partir de agora, o Concello reunirá a todos os seus órganos de decisión. Este método terá a mesma validez legal que as xuntanzas presenciais.
O Concello destaca que este é o "primeiro chanzo" de unha nova forma de concibir a administración municipal, aínda que sexa "obrigados" polas circunstancias sanitarias, segundo a responsable de Réxime Interior, Anabel Gulías.
Esta modalidade virtual poderá ampliarse nun futuro a outros órganos de deliberación.
Así, está previsto que as vindeiras reunións da mesa de contratación tamén se convoquen vía telemática para que poidan asistir todos os titulares deste órgano municipal.
A expensas de coñecer o desenvolvemento futuro dos acontecementos, o Concello xa estuda a implantación da vía telemática para a celebración de reunións doutros órganos municipais como poden ser o pleno da corporación ou as comisións informativas.
Ante a prohibición de facer reunións con este número de asistentes e a obriga de confinamento domiciliario, Anabel Gulías matiza que a convocatoria destes órganos será a petición dos departamentos municipais para a votación dalgún procedemento administrativo que requira a convocatoria plenaria.
Estas medidas, segundo destacou a portavoz municipal, "nos permite seguir traballando e avanzando" na tramitación administrativa, entre outras, de licenzas e contratos, para ter os "deberes feitos" e que o "día despois" do coronavirus, cando as autoridades sanitarias así o determinen, a actividade se poda iniciar "o antes posible".