Hixiene e distanciamento social, os dous xestos a repetir contra o coronavirus
Por Redacción
Finalizada xa a terceira semana de confinamento, a cidadanía seguramente xa terá interiorizados eses pequenos grans de area que poden achegar para axudar a frear a expansión do coronavirus. En todo caso, nunca está de máis lembrar que a única forma de parar o avance dos contagios é a través da participación de toda a cidadanía, que debe seguir optar polo distanciamento social e por manter uns hábitos correctos de hixiene de mans e respiratoria.
Pequenos xestos de hixiene que frean os contagios:
- Lavar as mans frecuentemente con auga e xabón ou utilizar unha solución hidroalcohólica.
- Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca se non se teñen as mans limpas.
- Practicar unha boa hixiene respiratoria. É dicir, ao tusir ou esbirrar, tapar a boca e o nariz cun pano de papel, que inmediatamente hai que descartar nunha papeleira, ou facelo contra a flexura do cóbado. Despois de esbirrar, tusir ou usar panos, deberanse lavar ben as mans.
Manter as distancias, postura crave:
- De ter síntomas de infección respiratoria, como febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea, hai que afastarse doutras persoas e manterse a unha distancia de, polo menos, 2 metros.
- Non se lles recomenda usar máscara como medida de protección a aquelas persoas que non estean enfermas ou que non se atopen nun centro sanitario.
- No caso das persoas máis fráxiles ou vulnerables, convén evitar, na medida do posible, espazos pechados cunha alta afluencia ou ocupación.
- Evitar toda atención sanitaria que non sexa estritamente necesaria, coa finalidade de tratar de diminuír as concentracións de persoas nas salas de espera e nos medios de transporte público.
- No caso de que o paciente acuda a un centro sanitario con sintomatoloxía respiratoria aguda, debe poñer unha máscara, que estará á súa disposición nun lugar visible e sinalado.
- Por seguridade, estará limitado o número de persoas que acceden aos centros sanitarios para acompañar os pacientes, de maneira que se recomenda que os pacientes acudan sós aos centros sanitarios. Se isto non fose posible, cada paciente que acuda a un centro sanitario só poderá ter, como máximo, un acompañante.
Ante calquera dúbida, contacte cos servizos sanitarios:
- Os síntomas máis comúns da enfermidade polo COVID-19son febre, tose, dificultade respiratoria ou dispnea.
- No caso de que presente os síntomas descritos, recoméndase non acudir directamente ao hospital ou centro de saúde, senón contactar por vía telefónica coas autoridades sanitarias.
- O Servizo Galego de Saúde ten establecidos sistemas de consulta telefónica á disposición da cidadanía nos centros de atención primaria.
- No caso de que teña algunha dúbida ou necesite información respecto aos aspectos asistenciais do novo coronavirus ou se padece unha sintomatoloxía leve, pode chamar ao teléfono 900 400 116.
- Aconséllase empregar o teléfono 061 con racionalidade e unicamente para situacións de emerxencia.