A urbanización do Revel custará case 1,3 millóns de euros
Por Redacción
Tan pronto como se levante o estado de alarma, o Concello de Sanxenxo prevé licitar as obras para urbanización O Revel. Así o anunciou o goberno municipal, que cifra este proxecto en 1.259.495 euros. Será financiada co Plan Concellos 2020 e con fondos propios.
Este proxecto, asegura o Concello, é unha prioridade para Sanxenxo ao ser clave para a recepción do colexio que se atopa en plena construción e para o centro sociocultural.
Ademais, entenden que servirá para vertebrar a maior bolsa de equipamento público coa que Sanxenxo conta na actualidade.
Os 73.164 metros cadrados do Revel distribúense en rede viaria (10.022 metros cadrados), parcela do novo colexio (14.333 metros cadrados), espazo da escola infantil (4.560 metros cadrados) e equipamento deportivo (19.566 metros cadrados). Outros 24.686 metros cadrados son zonas libres.
O Revel conta cun acceso que é "insuficiente" e por iso a rede viaria será mellorada cunha nova ordenación na que se contempla un vial principal e dous secundarios, así como o acondicionamento de aparcamentos e espazos libres públicos, incluída a explanación e pavimentación da calzada.
A obra contempla ademais a dotación da rede de abastecemento de auga, así como as instalacións de rego e os hidrantes contra incendios. Pola súa banda, a mellora da rede de saneamento actual incluirá as conducións, colectores de evacuación e os sumidoiros para a recollida de augas pluviais.
O ámbito está atravesado por unha liña aérea de media tensión que fornece aos centros de transformación próximos e que será soterrada. Ademais, colocarase iluminación pública e instalaranse as redes de gas e telecomunicacións.
En canto aos espazos libres públicos, o Concello prevé a plantación de arboledo e de especies vexetais, a dotación de mobiliario urbano e o espazo necesario para a implantación das infraestruturas de transporte público para unha mobilidade sostible.
Relacionadas:
-
A urbanización do Revel, "unha mostra da nova forma de facer as cousas"
Por Redacción |
-
A urbanización do Revel comezará en febreiro e vai a facela a empresa COVSA
Por Redacción |
-
A urbanización do Revel, pendente da aprobación do pleno de Sanxenxo para a súa licitación
Por Redacción |
-
Os técnicos municipais traballan xa nos proxectos de investimentos para 2020
Por Redacción |
-
Xa hai acordo para retranquear a liña de media tensión no Revel
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo rexeita 'parchear' o centro social do Revel e construirá un novo
Por Redacción |