Quince días máis de confinamento: seguiremos na casa polo coronavirus ata o 26 de abril
Por Alejandro Espiño
Non será o 12 de abril como estaba previsto. O confinamento polo coronavirus ampliarase quince días máis. Así o anunciou este sábado o presidente do Goberno, Pedro Sánchez. O estado de alarma prorrogarase ata o próximo 26 de abril.
Trátase dunha decisión que o Goberno adoptou tras a reunión do comité científico do coronavirus, celebrada na Moncloa, e despois de conversar por teléfono co resto de líderes políticos do noso país. A decisión será referendada polo Congreso.
Isto significa que os cidadáns pasarán confinados, polo menos, mes e medio para conter os contaxios do coronavirus en España. Entre todos, segundo defendeu Pedro Sánchez, logrouse "limitar" a expansión do virus, conter a "avalancha" de pacientes sobre os hospitais e "salvar vidas".
"Unha vez superado o pico, estamos en condicións de dobregar a curva de expansión da epidemia", sinalou Sánchez, que explicou que "necesitamos algo máis de tempo para manter o virus baixo control".
O obxectivo desta prórroga, que se adopta seguindo as recomendacións de científicos e expertos, é reducir "aínda máis" os contaxios ata que os novos enfermos "sexan menos que os novos sanados" e os hospitais recuperen a súa "capacidade plena" e teña recursos "suficientes" para atender aos pacientes.
O presidente do Goberno implorou aos españois un esforzo para continuar co "sacrificio" e a "resistencia" que os cidadáns están a ter nestes momentos "difíciles", xa que "non podemos relaxarnos" porque tería un resultado "peor que volver ao momento de partida" ao provocar unha "segunda onda" de contagios.
Unha vez logrado ese obxectivo, o executivo prevé un regreso "escalado" á normalidade. Para iso, os expertos xa están a traballar nun plan para renovar "progresivamente" a actividade económica do país, aínda que mantendo determinadas medidas para garantir a saúde.
Relacionadas:
-
Pedro Sánchez anuncia que se permitirá a saída "limitada" dos nenos a partir do 27 de abril
Por Diego Espiño |
-
Feijóo admite que en Galicia aínda quedan "días e semanas duras"
Por Oskar Viéitez |
-
O campo non entende de corentenas
Por Manu Otero & Cristina Saiz & Diego Torrado |
-
O Goberno aproba axudas ao aluguer e prohíbe os desafiuzamentos durante seis meses
Por Alejandro Espiño |