Intensifican os controis en Poio para evitar a chegada de turistas na Semana Santa
Por Redacción
Desde este sábado está activo en Poio un dispositivo especial para reforzar os controis que xa se viñan realizando de xeito habitual para velar polo cumprimento das medidas adoptadas a raíz do estado de alarma que aínda permanece en vigor.
O motivo, evitar as posibles chegadas de cidadáns doutros municipios ás súas segundas vivendas, co gallo do comezo da Semana Santa.
O xefe da Policía Local, Antonio Duarte, explica que estes controis serán especialmente intensos nos lugares de acceso a Poio, como, por exemplo, a ponte da Barca e a rotonda da PO-308 situada á altura do enlace coa variante norte, na parroquia de San Xoán.
Ademais, os axentes tamén están a realizar unha maior vixilancia de espazos públicos, praias e parques. Trátase de lugares que permanecen pechados desde mediados do pasado mes de marzo, cando comezou o estado de alarma.
Tamén se reforzará todo o operativo naqueles núcleos e zonas do municipio onde existen un maior número de segundas vivendas.
A concellería de Seguridade Cidadá fai un chamamento á cidadanía para que continúen dando cumprimento das pautas marcadas polo Goberno español mentres dure o confinamento.
A lei contempla diferentes sancións económicos, en función da gravidade do incumprimento, que poden chegar ata os 600.000 euros ou mesmo a penas de prisión de tres meses a un ano.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Poio ten identificados 15 veciños reincidentes en incumprir o estado de alarma
Por Natalia Puga |
-
Telmo Martín confía en que ninguén se desprace a Sanxenxo en Semana Santa para facer uso da súa segunda vivenda
Por Redacción |
-
Vixiarán as segundas residencias diante da chegada da Semana Santa
Por Oskar Viéitez |