As prazas e mercados de abastos non escapan á crise derivada da corentena
Por Redacción
"Hai días que non vendo nin 10 quilos de peixe". É o queixume de Ana Lima, unha das cinco vendedoras de peixe fresco que, en pleno estado de alarma polo coronavirus, mantén a súa actividade no mercado de abastos de Portonovo.
E é que estes mercados de proximidade, a pesar de manter a súa actividade na medida do posible, non lograron escapar á crise derivada da corentena. O seu presente está marcado pola escaseza de determinadas especies, a caída de prezos e a perda de clientela.
Estes mercados, fundamentais na vida diaria das principais localidades galegas, están en horas baixas e os seus responsables non teñen esperanza de que a situación mellore ata, polo menos, principios do verán.
Máis do 60% da clientela de prazas e mercados de abastos, segundo estudos do propio sector, son persoas de avanzada idade, a poboación de maior risco ante o coronavirus, e o peche da hostalería e a restauración, principais destinatarios do marisco, afundiu os prezos.
Así, nas prazas de abastos a oferta é cada vez menor porque, á súa vez, tamén o é a demanda. "Moitos días non reúno máis que o xusto para os gastos", recoñece Ana, que a pesar de todo asegura que "quero aguantar para que non se perda esta tradición".
"Hai que estar ao pé do canón porque se pechamos e alguén quere berberechos ou algo a xente non o ten e hai que darlles servizo", engade Loli Alarcón, responsable do único posto de venda de marisco que non pechou en Portonovo. Estes días, "aos poucos" segundo explica, despacha sobre todo lagostinos, mexillóns, centolas "ou ameixas para un arroz".
Egidio Barral, vendedor no mercado de Sanxenxo, recoñece que "hai menos variedade e menos cantidade de peixe", pero destaca que un consumidor pode aínda atopar estes días na praza "salmón, rape, pescada ou galo" aínda que en menor volume do que é habitual.
En Bueu, por exemplo, os clientes teñen mariscos como a centola, o bogavante, as ameixas ou os berberechos, pero a presidenta das praceiras, María de los Ángeles Cruz, afirma que hai menos xénero porque "ao non saber canto vas vender tampouco te arriscas comprando".
A pesar de todo hai consumidores que non abandonan a praza, segundo constata Juan Ramón Rodríguez, vendedor en Sanxenxo, pero estes levan máis cantidade cada vez que veñen porque levan para máis tempo. "Se antes facían 30 compras de dez euros, agora fan quince de cincuenta", explica, que agradece a fidelidade destes clientes.
"Imos ter que darlle un premio aos que seguen vindo ao mercado porque hai que agradecerlles esa axuda dalgunha maneira", engade Ana desde Portonovo.
Moitos vendedores ven nesta crise, con todo, unha oportunidade para reinventarse. O servizo a domicilio é unha modalidade que algúns deles xa aplicaban pero que, nestes momentos, parece estar en pleno auxe entre os clientes dos mercados.
En Portonovo case un 90% dos postos ofrecen esta venda a distancia. "Non hai pedido mínimo para que se preste e a entrega faise no mesmo día", indica Loli Alarcón, o que permite que xente maior ou que vive nos arredores do municipio poida recibir estes produtos frescos nas súas casas con total comodidade e evitar posibles aglomeracións.
Este aumento do servizo a domicilio tamén o notou María de los Ángeles en Bueu, xa que explica que "os encargos van chegando porque a xente confía en nós" porque, ademais, entregan os produtos no mesmo día "algo que a día de hoxe as grandes superficies e os supermercados non son capaces de facer".
A maiores, os vendedores aumentaron as medidas de seguridade para evitar a expansión do coronavirus, un esforzo colectivo que se visibilizou na utilización de batas, luvas, gorros ou máscaras, gardando as distancias de seguridade ou reforzando as medidas de limpeza e hixiene nos postos de venda.
Os praceiros, na súa maioría autónomos ou pequenas empresas cunha ou dúas persoas empregadas, recoñecen que están a ser "tempos duros" e notan o desgaste desta situación. A pesar diso, "aguantaremos o tirón", asegura Loli Alarcón, que pide á xente que "aposte por nós nestes tempos difíciles".
Todos coinciden en que "isto vai para longo", xa que Juan Ramón sospeita que esta situación manterase ata xuño e que entón, "tal vez poderemos levantar cabeza", unha idea compartida por case todas as súas compañeiras, conscientes de que sobrevivirán a esta "proba tan dura" porque "estamos afeitos facer grandes sacrificios"
Relacionadas:
-
Consome produtos do mar para garantir emprego e riqueza galega: #QuedaCoNosoMar
Por Redacción |
-
A comida a domicilio, sustento da restauración: "Non temos outra cosa para saír adiante"
Por Alejandro Espiño |
-
Sanxenxo remodelará o exterior e o interior da praza de abastos de Portonovo
Por Redacción |
-
A Boa Vila vive un sábado de compras con longas colas
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |
-
Facémolo ben cada vez que imos ao supermercado?
Por Redacción |
-
As confrarías de Pontevedra piden a Sanidade que prohíba o marisqueo polo coronavirus
Por Redacción |
-
O sector do mar, en xaque polo coronavirus: "Os prezos son horribles. É unha barbaridade"
Por Alejandro Espiño |
-
As mariscadoras optan por quedar na casa
Por Oskar Viéitez |