Restricións para peóns na Ponte da Barca
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio procedeu a establecer restricións do tránsito peonil na Ponte de A Barca. Trátase dunha medida impulsada pola Comisión de Emerxencias do Covid-19, a raíz dunha petición veciñal, e consensuada co Concello de Pontevedra.
O obxectivo é garantir que as persoas que se ven na obriga de atravesar este punto de unión entre ambos municipios a pé, naqueles casos contemplados polo decreto aprobado a raíz da entrada en vigor de estado de alarma, poidan manter as distancias de seguridade establecidas para evitar posibles contaxios.
Deste xeito, desde a mañá deste xoves os peóns só poderán circular no mesmo sentido no que se despraza o tráfico rodado. Así, os cidadáns que se dirixan desde Poio a Pontevedra deberán facer uso da pasarela situada na parte dereita, e viceversa. Con esta medida axúdase a evitar contactos físicos que se poden producir cando coinciden dúas persoas camiñando en sentido inverso.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, remitiu un escrito á Consellería de Infraestruturas informándolle dos detalles desta medida, pensada para garantir a seguridade e dar cumprimento do establecido polo estado de alarma. A Policía Local xa procedeu á colocación de paneis informativos para os viandantes.