UXT alerta da ausencia de medidas de protección nas residencias de maiores, menores e de persoas con discapacidade
Por Redacción
A federación de empregados de Servizos Públicos do sindicato UXT reclama á autoridade sanitaria e á Consellería de Política Social que actúe de forma urxente en todos os centros públicos e privados de atención a persoas maiores, menores e con discapacidade da provincia. Este colectivo advirte da ausencia xeral de medidas para protexer estas residencias sendo espazos nos que se atopan persoas de risco ante o COVID-19.
Juan Manuel Loureiro, en nome de FeSP-UXT, tamén pide a dotación urxente de medios para todo o persoal que presta asistencia nestes centros coas adecuadas medidas de asepsia e profilaxes, ademais da limpeza adecuada ás características de cada centro.
Como exemplo da precariedade que se está vivindo sinala que o persoal laboral utiliza bolsas de recollida de lixo ou de froita como "patucos illantes" nos pés. Desde o sindicato lembran que é un deber público e un principio ético atender as características destes colectivos que demandan unha atención continuada para as actividades e rutinas da vida diaria.
Ademais solicitan ás distintas direccións dos centros a que establezan quendas de traballo de maneira equitativa ao entender que se están producindo situacións discriminatorias entre o persoal, de forma que hai operarios que traballan todas as fins de semana mentres que outros libran practicamente todos, segundo denuncia Loureiro Taibo.
Tamén solicita que se efectúen, de maneira inmediata, os reforzos necesarios para que haxa persoal suficiente que poida afrontar a situación excepcional que se está vivindo durante estas datas.
A última petición que realizan á Xunta de Galicia é que se estableza un sistema de información diario e constante entre as direccións dos centros e o persoal traballador ao considerar que neste momento hai falta de información. Tamén reclaman que os datos se trasladen ás familias das persoas residentes nos centros para que teñan coñecemento sobre a saúde dos familiares.