A área sanitaria suma 16 novos positivos nun día e acumula 382 desde o inicio da alerta por coronavirus

Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sumou na última xornada 16 novos casos positivos por coronavirus, un incremento que eleva o total de casos confirmados a 382 desde o inicio da incidencia do Covid-19.
Segundo a actualización de datos deste martes, nos hospitais da área sanitaria hai un total de 114 persoas ingresadas con esta enfermidade, catro máis que un día antes. Este martes había 366 casos activos, 110 deles hospitalizados.
En total, dos 114 hospitalizados, 96 están ingresados e illados en planta e 18 son pacientes que están na UCI, un máis que no último balance realizado pola Consellería de Sanidade.
Dos ingresados en planta, 17 permanecen no Hospital do Salnés. O resto de positivos, un total de 286 persoas están nos seus domicilios.
Ata o de agora rexistrouse na área sanitaria oito vítimas mortais e 20 altas de pacientes que foron casos confirmados e agora están de alta médica tras dar negativo ao repetir as probas de coronavirus. Non aumentaron as altas con respecto ao día anterior.
Segundo os últimos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 4.058. Deles, 906 son da área da Coruña, 456 da de Lugo, 559 da de Ourense, 382 da de Pontevedra, 955 da área de Vigo, 581 da de Santiago, e 219 da de Ferrol, de modo que Pontevedra e O Salnés é a segunda área sanitaria con menos contaxios.
Do total de pacientes positivos na comunidade, 157permanecen en UCI, 807 están en unidades de hospitalización e 3.094 no domicilio. Por agora, en Galicia rexistráronse 259 altas de pacientes e 115 falecementos.
En función destes datos, Galicia ten a taxa de letalidade máis baixa de todas as comunidades autónomas de España, cun 2,32% respecto da media do estado que é dun 8,86 %. Tan só as cidades autónomas de Ceuta e Melilla teñen unha taxa inferior, cun 1,96% e 1,61% respectivamente. A taxa de letalidade reflicte a porcentaxe de falecidos respecto dos contaxiados.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Un novo falecido e 12 altas de pacientes de coronavirus na área sanitaria, que rexistra un total de 393 casos activos
Por Diego Espiño |
-
VIDEO.- O hospital Domínguez despide entre aplausos os dous primeiros pacientes con coronavirus de alta
Por Natalia Puga |
-
Dous novos falecidos por coronavirus na área sanitaria, que alcanza as oito vítimas mortais e 366 positivos
Por Natalia Puga |