VÍDEO.- A falta de comida familiar, benvido sexa un videoclip
Por Natalia Puga
A familia Rubianes de Vilagarcía, ademais de ser moi grande, está moi unida e ningún membro falta cada primeiro domingo de maio á súa comida anual familiar. Para a deste ano xa tiñan a reserva feita, pero o avance do coronavirus e o estado de alarma que restrinxe os movementos da poboación failles xa pensar en que é posible que non poidan celebrala, coa vista posta en que, aínda que se levantase o confinamento, non sería momento para reunións de ata 70 persoas que poden chegar a asistir a esas citas anuais. Ante a nova conxuntura, e sen comida polo medio, buscaron unha alternativa para xuntarse, aínda que fose virtualmente, un videoclip familiar.
Para poñerlle ritmo á súa composición, elixiron un dos himnos do momento, Quédate en casa, de La Pegatina; dividírona en estrofas; e cada membro da familia interpretou a súa parte mimetizándola coa súa rutina diaria durante a corentena.
O resultado final, que emocionou a todos os participantes, inclúe a participación de 17 curmáns e tres tías, as "matriarcas" como se refiren a elas os máis novos. Ademais, non faltaron as parellas dalgún deles, unha familiar máis afastada e os pequenos da familia, fillos dos curmáns, que lle deron cor á peza musical.
Tony, un dos curmáns, explica que a idea xurdiu entre varios dos curmáns, que pensaron: "como este año creo que no va a poder ser (la comida), como sigamos, así, ¿por qué no montamos otra cosa?". E entre todos acordaron montar este videoclip.
Cada un gravou na súa casa a parte que lle foi asignada e, como colofón, outra curmá, Bárbara, realizou a montaxe. A idea xurdiu o martes pasado, déronse de prazo ata o sábado para poder enviar cada un a súa parte e a emoción fixo que todos o entregasen tan en tempo e forma que, finalmente, o videoclip final xa estaba o domingo e compartírono no grupo de WhatsApp familiar
"Somos una familia bastante grande y bastante unida. Todos, tíos, primos e hijos", presume Tony. Agora xa todos pensan en volver xuntarse nunha desas xa tradicionais comidas que nos últimos anos celebraron nun restaurante de Dena, en Meaño.