A Deputación tramita xa as axudas ás confrarías, mariscadoras e cooperativas agrogandeiras
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra publica este martes no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras de dúas liñas de subvencións para investimentos no sector primario para este ano 2020, por un importe total de 450.000 euros.
Por unha banda, cun orzamento de 250.000 euros, as axudas ás confrarías de pescadores, á federación de confrarías e ás agrupacións de mariscadoras da provincia; e, pola outra, cun crédito total de 200.000 euros, subvencións dirixidas ás cooperativas agrogandeiras.
Deste xeito, malia que ante a situación derivada polo COVID-19 o prazo de formalización de solicitudes para ambas subvencións non se abrirá ata que finalice o estado de alarma, as entidades que o desexen xa poden ir preparando toda a documentación necesaria para axilizar o proceso e ter todo listo para cando se poidan comezar a tramitar.
O goberno provincial destaca que a Deputación está "traballando arreo" para poder poñer todo en marcha "en canto a situación mellore", nun momento no que ante as circunstancias da actual crise sanitaria e da situación laboral que sofren numerosos traballadores, estas axudas convértense máis necesarias que nunca.
No caso das confrarías, o importe das axudas van dun mínimo de 600 euros ata un máximo de 30.000 euros.
Deste xeito, o que se pretende é axudar a levar a cabo todas aquelas accións que sirvan para apoiar ás confrarías, á federación e as agrupacións de mariscadoras da provincia en proxectos e actuacións que teñan como obxecto a comercialización e valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento da actividade das confrarías e da federación, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovábeis e o aforro enerxético, así como material para a vixilancia das producións e investimentos para mellorar os servizos prestados.
No que respecta ás cooperativas agrogandeiras, as subvencións irán dun mínimo de 600 euros ata un máximo de 35.000 euros.
Así, serán susceptibles de axuda as accións destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto a comercialización, transformación e valorización das producións; a formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica; a posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovábeis e aforro enerxético; así como aqueles investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa.
Relacionadas:
-
As confrarías fórmanse en prevención de riscos laborais a través dun proxecto con cargo ao Plan Social de ENCE
Por Redacción |
-
Poio solicita á Xunta e ao Goberno central que habiliten liñas de axuda para as confrarías
Por Oskar Viéitez |
-
As confrarías de Pontevedra piden a Sanidade que prohíba o marisqueo polo coronavirus
Por Redacción |
-
A pesca e o marisqueo reforzan a súa seguridade ante o coronavirus
Por Oskar Viéitez |
-
O sector agrogandeiro traballa con normalidade para abastecer os mercados
Por Oskar Viéitez |