O Hospital Naval de Marín, unha "alternativa" para 100 pacientes leves de coronavirus en caso de colapso
Por Natalia Puga
A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés puxo a mirada no antigo Hospital Naval de Marín, pechado desde hai anos, como alternativa para o ingreso de pacientes leves no caso de que se producise un colapso das camas dispoñibles nos hospitais Montecelo, Provincial, Salnés e QuirónSalud Miguel Domínguez.
Así o confirmaron fontes oficiais da área sanitaria, que recoñecen que están a estudar "diversos escenarios sanitarios hipotéticos" para buscar solucións ante unha situación na que cheguen a estar "hipoteticamente excedidos por alta demanda de pacientes que precisan ingreso".
Estudan, segundo aclararon, "novas opcións complementarias" que, en todo caso, só se utilizarían en "escenarios extremos" de colapso e puxeron a mirada nesas instalacións de Marín, de modo que decidiron poñerse en contacto coa Subdelegación do Goberno, como administración que representa ao Goberno do Estado na provincia e, por tanto, ao Ministerio de Defensa, do que dependen estas instalacións.
A área sanitaria púxose en contacto coa Subdelegación hai unha semana, o pasado 24 de marzo, para realizarlle a solicitude e desde este departamento descartan, de momento, realizar valoracións oficiais aos medios de comunicación.
Si realizou estas valoracións a área sanitaria, que explicou que estas alternativas está a estudarse a modo preventivo, para evitar ter que buscar alternativas no caso de que cheguen situacións máis complexas das que están a asumir na actualidade.
Segundo os estudos realizados pola xerencia da área sanitaria, o antigo Hospital da Escola Naval de Marín complementaría a hospitalización dos hospitais Montecelo, Provincial, Salnés e QuirónSalud Miguel Domínguez pero só para pacientes leves. Tería capacidade para recibir a 100 potenciais pacientes positivos máis de Covid-19.
Eses 100 pacientes que potencialmente poderían ser trasladados ao Hospital Naval serían "pacientes pre alta", é dicir, pacientes ingresados nos hospitais da área sanitaria que xa superasen "a fase aguda da enfermidade" e que "por distintos motivos, non se puidesen dar de alta". Os seus últimos días de ingreso serían en Marín e, desta forma, deixaríanse camas libres no resto de centros para "pacientes que tivesen unha situación de saúde máis complexa".
Segundo explican, pensaron neste hospital porque "agora non ten actividade sanitaria, pero si está acondicionado para un potencial uso hospitalario".
Non hai constancia que ningún responsable doutras áreas sanitarias galegas iniciasen trámites similares con outras instalacións sanitarias ou militares.
Relacionadas:
-
O BNG critica a negativa de Defensa a ceder o antigo hospital da Escola Naval en caso de necesidade
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG pide a Defensa que ceda o antigo hospital da Escola Naval de Marín para facer fronte á crise sanitaria
Por Redacción |
-
O BNG condena que Defensa manteña o Hospital Naval como "hotel de luxo" e non o ceda ao Sergas
Por Redacción |
-
O BNG de Marín critica a Defensa por estar "de costas ao pobo" e negar a cesión do antiguo Hospital Naval
Por Redacción |
-
A residencia do CGTD, de aloxar bombeiros nos incendios de 2006 a reforzo na loita contra o coronavirus
Por Diego Espiño |
-
O Sergas non poderá derivar pacientes ao antigo Hospital Naval de Marín en caso de colapso, pero si ao CGTD
Por Natalia Puga |
-
Repunte de afectados por coronavirus na área sanitaria, con 32 novos casos activos para un total de 425
Por Diego Espiño |
-
A corporación marinense fai balance da batalla local contra a pandemia
Por Redacción |
-
VIDEO.- Nenos e adultos envían cartas de ánimo a pacientes ingresados ou illados polo coronavirus
Por Redacción |