Quen debe traballar a partir deste luns?
Por Oskar Viéitez
Un Consello de Ministros extraordinario aprobou este domingo a paralización de todas as actividades non esenciais desde o vindeiro luns 30 de marzo ata o xoves 9 de abril, ambos inclusive.
Trátase dun permiso retribuído recuperable que non se aplicará aos empregados incluídos en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), aos que se atopen de baixa, nin aos que teletraballen.
Isto quere dicir que o permiso será abonado polo empregador, aínda que o empregado terá que recuperar as horas cando volva ao traballo e antes de final de ano, esta medida aplicarase a todos os traballadores que actualmente non prestan servizo en actividades esenciais e que para desenvolver o seu traballo teñen que desprazarse.
En rolda de prensa, a portavoz do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, explicou que este endurecemento das medidas para frear a expansión do coronavirus, tradúcese en que só poderán desprazarse ata os seus centros de traballo o persoal de sectores considerados como indispensables como son: os empregados dos sectores de distribución de alimentos, química, produtos farmacéuticos e produción de material sanitario, os transportes públicos, as forzas e corpos de seguridade do Estado, a banca ou os medios de comunicación de titularidade pública e privada.
O Goberno tamén considera esenciais a aqueles traballadores que están a xestionar administrativamente a emerxencia sanitaria e económica, o que inclúe a algúns funcionarios que tramitan as axudas públicas e ás xestorías e asesorías.
Tamén continuarán traballando os empregados de Correos, telecomunicacións e servizos privados de seguridade, así como os empregados daqueles servizos de limpeza básicos.
Ademais permítese a actividade daqueles servizos relacionados coa protección e atención de vítimas de violencia de xénero
Obviamente tamén está permitido que sigan operando os empregados que actualmente fan teletraballo.
Relacionadas:
-
#NonNosCanceles, chamada de atención do mundo da cultura para pedir axudas ante a crise do sector
Por Anxo Lourido |
-
O paro na provincia sobe en 3.650 persoas no mes de marzo
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno aproba axudas ao aluguer e prohíbe os desafiuzamentos durante seis meses
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra paraliza polo coronavirus todas as obras públicas non urxentes
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno endurece o illamento e suspende todas as actividades "non esenciais"
Por Alejandro Espiño |
-
O Goberno prorrogará o estado de alarma outras dúas semanas, ata o 12 de abril
Por Natalia Puga |