O sector do mar, en xaque polo coronavirus: "Os prezos son horribles. É unha barbaridade"
Por Alejandro Espiño
Non hai nin unha soa actividade económica que non se vira afectada polo coronavirus. Todos os sectores, en maior ou menor medida, están sufrindo unha parálise que ameaza o futuro de miles de empregos. E a xente do mar non é allea a esta situación.
Cada día teñen máis razóns para amarrar a flota e agardar tempos mellores. O sector, considerado fundamental polo Goberno como provedor de alimentos de primeira necesidade, ten moitas dificultades para traballar en condicións axeitadas.
Aos problemas para aplicar as medidas de seguridade e protección ante o coronavirus ou a falta de concreción das axudas anunciadas está a sumarse a caída dos prezos en primeira venda de peixes e mariscos, polo que a moitos xa non lles compensa asumir os riscos de saír a faenar.
"Os prezos son horribles, historicamente nunca se viron prezos como estes. É unha barbaridade", explica a presidenta da cooperativa San Miguel de Marín, Beatriz Vázquez. Sobre todo, afirma, no coñecido como no peixe fino. O rape, o rodaballo ou o linguado "non teñen saída porque son de restaurante e estes están pechados", lamenta.
O patrón maior de Portonovo, Juan José Besada, tamén confirma que xamais viran unha caída "tan brutal" de prezos e que hai xénero que non ten saída porque "ninguén compra un rodaballo a 30 ou 40 euros quilo porque non están os tempos para comprar esas cousas".
Todo o sector coincide en que, desde que se decretou o estado de alarma no noso país, as vendas de peixe e marisco descenderon, así como tamén caeron as cotizacións en lonxa e algunhas en Galicia mesmo decidiron pechar.
Entre as mariscadoras, segundo a patroa maior de Lourizán, hai unha "gran preocupación" e os ánimos "están moi baixos" porque, explica Mari Carmen Vázquez, "no marisqueo vívese día a día e van a ser meses moi fastidiados".
Dentro do sector, o marisqueiro é o que se leva a peor parte. Son produtos que teñen que comercializarse rapidamente, que en moitos casos non son conxelables e que non son considerados polos consumidores como artigos de primeira necesidade.
Ademais, tradicionalmente a meirande parte dos produtos do marisqueo estaban destinados á restauración pero con esta pechada estase a perder o produto. Así, en Lourizán pecharon o marisqueo a flote e a pé na terceira semana de marzo.
Desde a confraría pontevedresa piden o cese de actividade pero os requirimentos para poder facelo son complexos. Ademais, como explica Vázquez "hai xente que está indo ao mar para outro tipo de artes" porque o mar "non está pechado ao 100%".
A este respecto, o secretario da confraría de Bueu, José Barreiro, lamenta que non existe demanda para produtos como bivalvos, percebes, ourizos e navallas. "Non hai quen compre porque gran parte ía para restauración e se está pechada, a quen lle vendes?", afirma.
Para a responsable da cooperativa San Miguel neste momento "os que se lucran" son os intermediarios porque "compran o produto baratísimo" e o consumidor o compra "cos mesmos prezos de sempre"
Pero a caída dos prezos, sen embargo, non se traslada ao consumidor. Para a responsable da cooperativa San Miguel neste momento "os que se lucran" son os intermediarios porque "compran o produto baratísimo" e o consumidor o compra "cos mesmos prezos de sempre".
A patroa maior de Lourizán tamén é consciente de que nesta crise "hai certa picaresca" para tirar proveito da situación. "Non pode ser que a xente venda a prezo normal o recurso do mar e o compre a prezos de risa", recalca.
Toda esta situación está a provocar, de xeito paralelo, que a xente acuda menos ás prazas de abastos, os lugares onde máis peixe e marisco fresco se vende en Galicia.
"Agora é difícil que a xente vaia a praza", explica o patrón maior de Portonovo, Juan José Besada, que considera que estes mercados "son espazos para socializar, falar, mirar o peixe, tocalo... e agora iso non o podemos facer", polo que para o consumidor "é moito máis sinxelo ir a un supermercado e coller o primeiro conxelado que vexan e levalo para casa".
Con todo, en localidades como Bueu as prazas seguen sendo lugares de paso obrigado porque "hai especies ás que se lles está dando saída porque se consideran de consumo diario como pode ser a maragota, o abadexo ou o choco", segundo José Barreiro.
Na zona de Portonovo, o patrón maior tamén ve movemento no peixe do cerco -o peixe de valor máis alcanzable - pero os peixes caros como rodaballo, linguado, robaliza ou robalo "non ten saída porque a xente non vai á praza a comprar estas cousas".
Desde o sector trasladan a necesidade de que a poboación continúe a consumir peixe e marisco durante a corentena, non só xa polo que supón para o mantemento do emprego e da actividade económica do sector senón tamén por unha cuestión de saúde alimentaria.
Relacionadas:
-
Lourizán, Vilaboa e O Grove poñen a voz feminina ás confrarías galegas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A lonxa de Bueu xa conta co seu novo sistema de evacuación de augas sucias
Por Redacción |
-
O sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Pontevedra mantén a esperanza pola recuperación da actividade
Por Oskar Viéitez |
-
Armadores do Gran Sol entregarán 400 quilos de peixe semanais ao Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
A comida a domicilio, sustento da restauración: "Non temos outra cosa para saír adiante"
Por Alejandro Espiño |
-
Baldeo con lixivia das lonxas de Portonovo e Campelo
Por Oskar Viéitez |
-
As lonxas recibirán máscaras para previr contaxios durante as poxas
Por Redacción |
-
Inspectores de pesca reclaman non ser servizos esenciais durante o estado de alarma
Por Redacción |
-
As prazas e mercados de abastos non escapan á crise derivada da corentena
Por Redacción |
-
Protección Civil de Bueu fai un chamamento para a doazón de máscaras de Decathlon
Por María José Pita |
-
Poio solicita á Xunta e ao Goberno central que habiliten liñas de axuda para as confrarías
Por Oskar Viéitez |
-
As confrarías de Pontevedra piden a Sanidade que prohíba o marisqueo polo coronavirus
Por Redacción |
-
Bueu suspende o pago de varios impostos ata novo aviso
Por Redacción |
-
Ata trinta postos do mercado de abastos ofrecen xa compras con entrega a domicilio
Por Redacción |
-
Confinados en Ons: "Cando levas illado toda a túa vida xa te afás. O noso é unha corentena constante"
Por Alejandro Espiño |
-
A pesca e o marisqueo reforzan a súa seguridade ante o coronavirus
Por Oskar Viéitez |