Avalancha de peticións dos concellos ás axudas extraordinarias da Deputación pola crise sanitaria
Por Redacción
As medidas extraordinarias impulsadas pola Deputación de Pontevedra para facilitar recursos aos concellos máis pequenos da provincia para facer fronte á alerta do coronavirus xerou nas últimas horas unha avalancha de peticións por parte das distitnas administracións locais.
Ata as 14.00 deste venres, xa eran 40 as solicitudes de achegas provinciais dun total de 37 concellos. O importe total das axudas solicitadas ascende aos 735.667euros.
Os concellos pediron acollerse ás dúas liñas de axudas dispoñibles, unha de nova creación dotada con 1,3 millóns de euros e outra que xa existía e acaba de sufrir modificacions, a das axudas básicas de emerxencia, cunha dotación de 500.000 euros. A Deputación modificou as bases de tal maneira que os concellos poden recibir o 100% da contía das axudas.
No caso da Liña de Axudas Extraordinarias, a Deputación xa está a tramitar as solicitudes de 25 concellos, entre eles, Barro, A Illa, Vilanova, Cambados, Moraña e O Grove. En total, piden 592.317 euros.
A estas peticións hai que engadir as das axudas básicas de emerxencia, que xa teñen aprobadas e polo tanto pendentes de pago 15 municipios, entre eles Caldas, Cambados, Cerdedo-Cotobade, Meis, Ponte Caldelas e Portas. Pediron 143.350 euros.
A Deputación destaca que con estas iniciativas "estase a dotar de recursos aos concellos de xeito útil, próximo, áxil e respectando a autonomía municipal", dando resposta inmediata ás necesidades das vilas e pobos, para que poidan atender á cidadanía por mor desta crise sanitaria.
Relacionadas:
-
A Xunta inxecta aos concellos diñeiro do Fondo de Cooperación Local para loitar contra o coronavirus
Por Redacción |
-
Axudas directas de 400 euros a comercios, hostaleiros e autónomos de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O Concello de Caldas segue funcionando "coa maior normalidade no posible"
Por Redacción |
-
A Deputación paraliza toda a obra pública en execución
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Concellos, modificado para facilitar recursos contra o coronavirus
Por Redacción |
-
O PP pide á Deputación que informe debidamente aos concellos sobre as medidas adoptadas para a loita contra o coronavirus
Por Sara Iglesias |
-
A Deputación garante a "xestión segura" dos centros comunitarios de compostaxe
Por Redacción |