Os xuíces pontevedreses piden non usar o estado de alarma como "escusa" para incumprir custodias de menores
Por Natalia Puga
A xunta de xuíces de Familia de Pontevedra instou aos pais separados a "non utilizar a crise do coronavirus como escusa para o incumprimento das resolucións" relativas aos réximes de custodia e visitas de fillos menores e a adoptar co outro proxenitor "os acordos necesarios en interese destes e de toda a poboación".
En concreto, a xunta sectorial adoptou un acordo sobre unha serie de criterios dirixidos aos xuíces de Familia de Pontevedra en materia de cumprimento destes réximes de custodia e visitas tendo en conta a declaración do estado de alarma e as medidas adoptadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial para a coordinación da actividade profesional durante a vixencia do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo.
A titular do Xulgado de Familia de Pontevedra e a maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller, os dous órganos competentes para regular estas visitas, acordaron que, ante a "situación excepcional" e as "innumerables consultas" recibidas telefonicamente, como criterio xeral manterán o réxime de custodia e visitas acordado en cada procedemento xudicial, a pesar do peche do Punto de Encontro Familiar.
Segundo acordaron, no caso de que haxa unha orde de protección vixente que prohiba o achegamento entre os proxenitores, estes deberán designar de común acordo unha terceira persoa encargada de realizar o intercambio do menor. No caso de que non haxa acordo sobre a designación desa terceira persoa, suspenderase a visita, sen prexuízo da súa posterior compensación unha vez cese o estado de alarma.
As dúas xuízas entenderon que os intercambios dos menores poden ter amparo nos supostos excepcionados no Real Decreto 463/2020, segundo os cales se poderán realizar os traslados imprescindibles previa adopción das medidas de prevención recomendadas. Para xustificar o movemento pola vía pública, bastará con mostrar ás forzas e corpos de seguridade do Estado a resolución xudicial correspondente.
En canto ás posibles pautas de actuación, a xunta sectorial estebleceu que, salvo que concorran circunstancias concretas que o desaconsellen, os intercambios en custodias compartidas deberían manterse sen visita intersemanal, de estar establecida.
Con carácter xeral, sinalou que procede manter as visitas de fin de semana en caso de custodia individual, parecendo prudente suspender as visitas intersemanais, en especial se son sen pernoita. Sobre as entregas e recollidas, destacou que se realizarán "coa necesaria salvagarda da saúde das partes, especialmente dos menores".
En caso de que as visitas non se leven a cabo, a xunta determinou que se debe promover e facilitar a comunicación frecuente dos menores con aquel proxenitor co que non convivan. Ademais, parécelle "adecuado" que unha vez finalizado o estado de alarma decretado "se compense na medida do posible os períodos de visitas non gozados".
Ademais, sinalou que "podería ser conveniente" suspender as visitas fixadas cos avós por ser un colectivo de risco.
Estes criterios establecidos pola xunta sectorial de xuíces de Familia de Pontevedra son pautas xenéricas de actuación para facilitar o entendemento entre as partes e de ningún xeito son executables nin poden prevalecer sobre os acordos dos proxenitores.
Relacionadas:
-
O Punto de Encontro Familiar de Pontevedra amplia o horario
Por Oskar Viéitez |
-
Editan unha guía práctica para resolver as dúbidas dos xuíces durante o estado de alarma
Por Oskar Viéitez |
-
Os sindicatos rexeitan os servizos mínimos e esixen o peche dos xulgados
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A Xustiza adopta medidas extraordinarias polo estado de alarma
Por Oskar Viéitez |