A Concellería de Benestar Social de Poio insta aos maiores a realizar exercicios caseiros durante o confinamento
Por Redacción
Unha das recomendacións a cumprir na que fan especial fincapé os expertos nesta época do confinamento é manter, na medida do posible, unha rutina. Así, a Concellería de Benestar Social de Poio está a ofrecer axuda aos inscritos no programa Saudemente para continuar realizando actividades e exercicios que lles axude a manterse activos e ocupados dentro das súas vivendas.
"Estamos a falar de 122 veciños que teñen unha media de idade aproximada de 80 anos e para os que estas iniciativas son moi importantes" indica a concelleira responsable deste departamento, Rosa Fernández, quen tamen informou que o monitor responsable de iniciativas como o Taller de Memoria mantense en contacto permanente cos maiores anotados nestas actividades.
Así, cada semana realizanse chamadas telefónicas para "preguntarlles se precisan algo" e "recomendarlles que realicen nas súas casas tarefas e exercicios que se fan habitualmente a través das actividades de Saudemente". No caso das persoas que viven soas tamén se pon a disposición o número de teléfono de Servizos Sociais. Ademais, a aqueles inscritos que viven con familiares tamén se lles envía un correo electrónico no que se inclúen fichas de traballo.
O Concello de Poio, pola súa parte, insiste na necesidade de que toda a veciñanza cumpra coas directrices marcadas polo estado de alarma, mentres que a Concellería de Benestar Social lembra que o teléfono de atención ao público (986872401) permanece operativo en horario de 9:00 a 14:00 horas da mañá e de 16:00 a 21:00 horas polas tardes, fines de semana incluídos.