Multa de 180 euros por engancharse ao farol
Por Oskar Viéitez
O voceiro do goberno local, Raimundo González, deu conta este luns dunha curiosa sentenza por un xuízo de faltas do pasado venres 24 de xullo ditada polo Xulgado de Instrución 1 de Pontevedra.
Os feitos xulgados tiveron lugar o pasado 12 de maio, sobre as 0:40 horas, na rúa Alemaña no barrio de Monteporreiro. Axentes da Policía Local comprobaron como un veciño "distraía enerxía da iluminación pública".
A través dun empalme que realizou conectando a súa caravana-vivenda a un farol "estaba a servirse electricidade, que lle permitía ter luz e aparatos varios en funcionamento," di o atestado policial.
Neste xuízo o Concello presentouse como acusación particular sumándose á petición de condena que fixo o Ministerio Público.
A sentenza condena este veciño como autor dunha falta de defraudación de electricidade á pena de multa dun mes cunha cota diaria de 6 euros.