CC.OO. denuncia o alcalde de Sanxenxo por "atentar contra a saúde dos veciños"

Por Redacción
Comisións Obreiras denuncia a Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, por "incumprir disposicións preventivas co persoal do Concello", tal e como explican a través dun comunicado.
Nel, denuncian que, nos organismos competentes, faltan medidas preventivas e estanse incumprindo as disposicións legais na materia por parte do Concello de Sanxenxo e, como consecuencia diso, "está a atentar contra a saúde de traballadores municipais, das súas familias e dos veciños en xeral".
Con esta situación de crise sanitaria que se está vivindo pola expansión do coronavirus, desde CCOO expoñen que se están "ignorando olímpicamente" as instrucións elaboradas por FEGAMP que foron remitidas o día 15 de marzo.
É por iso, que tachan de "irresponsabilidade" mandar a traballar todos os días aos traballadores de servizos do Concello, entre os que se atopa o persoal de praias, obras, xardinería e electricidade, xa que no documento "establécese claramente que se deben fixar servizos mínimos, e que os traballadores deben acudir a traballar en días alternos, pero Telmo Martín obrígalles a acudir todos os días".
Así mesmo, denuncian que ao persoal non se lles facilitan os medios preventivos básico como máscaras, luvas e hidroxel, e obrígaselles "a compartir os vehículos de transporte, incumprindo a distancia mínima entre persoas".
No que respecta ao persoal de axuda do fogar, expoñen que tampouco se lles facilitan os medios básicos como son batas e protección para o calzado, "chegando ao momento que as traballadoras tiveron que desprazarse individualmente a un supermercado de Pontevedra a comprar hidroxel, que resulta básico para unha limpeza básica na atención dos distintos domicilios".
Por último, e acolléndose ao Real Decreto 463/2020 polo que se declara o Estado de Alarma e no que se establece o peche das instalacións deportivas, CCOO denuncia que, tras a solicitude do peche das instalacións de Nauta Sanxenxo, "inexplicablemente aínda seguen abertas" supoñendo risco de contaxio para o persoal.
Relacionadas:
-
Sanxenxo ofrece tarxetas ás familias máis desfavorecidas para facer a compra
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras pide que se vixíe aos "empresarios irresponsables"
Por Oskar Viéitez |
-
Malestar entre os policías locais de Sanxenxo pola falta de medidas de protección
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo reserva unha partida de dous millóns de euros para axudas pola crise do coronavirus
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo ordena o peche das praias tras a chegada de visitantes nos últimos días
Por Natalia Puga |