Opromar presenta o documental 'Bravas do mar' para reivindicar o papel da muller na pesca
Por Redacción
A Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR), quere continuar co labor que iniciou en 2018 e seguir reivindicando o papel da muller na pesca a través dun documental chamado 'Bravas do Mar'. Con el, levará o testemuño de dez mulleres protagonistas a diversos centros de Primaria de toda Galicia para así contribuír a cambiar a percepción que se ten do papel da muller neste sector.
Esta iniciativa naceu en 2018 coa celebración de 'Faenando cara á igualdade', unha xornada dedicada a poñer en valor o papel da muller no sector pesqueiro, que incluíu a presentación dun informe da Universidade de Vigo sobre a realidade das profesionais cunhas conclusións negativas en canto a aspectos como visualización, equiparación salarial ou igualdade de oportunidades.
É por iso, que dous anos despois, a Organización de Porductores de Pesca do Porto e Ría de Marín presenta 'Bravas do Mar'. Trátase dun documental e un libro no que se recollen os testemuños de dez mulleres de O Rosal, Viveiro, Ribeira, Ourense, Bueu e Pontevedra que "achegan a súa experiencia nun mundo considerado erroneamente de homes pero no que a muller sempre tivo un papel fundamental".
Estas dez mulleres, que son patroas de pesca, xestoras de empresas, investigadoras, armadoras, rederas e encargadas de lonxa, ofrecen o seu punto de vista no sector e relatan en primeira persoa a súa traxectoria nesta actividade.
"Non é cuestión de favorecer ás profesionais deste mundo, que se defenden perfectamente, senón de velas e admiralas. Un futuro no que as palabras pescadora, armadora, patroa ou investigadora sexan de uso común. É hora de que os nenos e nenas sáibano, mellórennos e convertan a verdade privada en verdade pública", explican.
Dita iniciativa terá o seu culmen este ano cunha gala na que estarán presentes todas as protagonistas do documental, así como os alumnos dos centros escolares nos que se proxectará para que coñezan de preto ás profesionais. Nun principio farase en galego e castelán, aínda que valorarán a opción de facer unha edición subtitulada en inglés para que chegue a máis países.
O nome de 'Bravas' xurdiu polo dobre significado que ten esta palabra: fortaleza, valentía, e excelencia. Por iso, para Opromar, as 'Bravas do Mar' reúnen todas esas características "e é responsabilidade de todos dalas a coñecer", conclúen.
Relacionadas:
-
Os armadores reúnense coa subdelegada do Goberno para coñecer as axudas ao sector
Por Redacción |
-
A mestra e inventora Ángela Ruiz protagoniza o terceiro capítulo da serie Aprende coas Mulleres Galegas
Por Redacción |
-
Un documental contará a historia e tradición da Ría de Pontevedra a través do Colón galego
Por Redacción |
-
VIDEO.- Así homenaxea a xente do mar ao persoal sanitario
Por Oskar Viéitez |
-
As mariscadoras optan por quedar na casa
Por Oskar Viéitez |
-
O sector da conserva duplica quendas de traballo
Por Oskar Viéitez |
-
A pesca e o marisqueo reforzan a súa seguridade ante o coronavirus
Por Oskar Viéitez |