Balcóns e fiestras da cidade convértense en espazos de agradecemento e reivindicativos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os balcóns, as terrazas e as xanelas convertéronse durante estes días de illamento en auténticos espazos de exposición onde as persoas residentes utilizan pancartas para manifestar os seus diferentes sentimentos #ante esta situación de crise sanitaria provocada polo coronavirus.
Desta forma, destacan principalmente as mostras de agarimo e de apoio aos profesionais sanitarios e ao colectivo de limpadoras por todo o traballo que están a desenvolver durante estas últimas semanas. Nestes casos, tamén hai carteis reivindicando a sanidade pública e criticando os recortes.
Outro sector moi apoiado nestas manifestacións públicas atópase no persoal que traballa nos supermercados e que está a realizar esforzos titánicos desde que se anunciou o estado de alarma. Mesmo no establecemento de Supermercados Froiz situado na Praza Veiga da Eira, en Campolongo, o persoal respondeu agradecendo á veciñanza os aplausos confirmando a forza que lles transmiten.
E tampouco faltan os debuxos luminosos do arco da vella infantís e mesmo os globos tentando ofrecer algo de cor para iluminar as rúas case desertas.
Pancartas instaladas en balcóns e fiestras de Pontevedra
Mostras de recoñecemento aos profesionais sanitarios mestúranse con reivindicacións da sanidade pública
© PontevedraViva