A Federación de Comercio solicita aos concellos que habiliten liñas de axuda
Por Oskar Viéitez
A Federación de Comercio, Turismo e Mercados solicita aos concellos da provincia de Pontevedra a adopción urxente dunha serie de medidas que apoien a comerciantes e pequenos empresarios tras a crise do Covid-19.
Entre outras medidas, reclaman a exención do pago de impostos como o IBI ou de taxas de servizos básicos como o auga ou as terrazas.
Esta federación, que preside Cándido Rial, tamén demandará ás administracións locais, a habilitación de liñas de crédito dotadas con cantidades que oscilen entre os 3.000 e os 5.000 euros que permitan aos comerciantes facer fronte a pagos urxentes a provedores ou asumir gastos correntes como a subministración eléctrica. "Sen intereses e a devolver en varios anos". Tamén reclaman axudas para aquelas empresas que conserven a totalidade dos postos de traballo.
ALUGUERES
O pago do aluguer dos baixos comerciais é outra das preocupacións comúns para os comerciantes. "Hai que negociar co propietario unha moratoria, e necesitamos medidas e directrices claras neste sentido por parte do Goberno de España", explica o secretario xeral da Federación Provincial de Comercio, Enrique Núñez, quen apunta á urxencia de establecer liñas de axuda que permitan aos pequenos empresarios asumir tamén este custo.
"Estamos a ver en medios casos moi loables de propietarios que de forma voluntaria eximen do pago do aluguer a comerciantes. Pero isto non é o habitual. En moitos casos as rendas complementan tamén as economías dos propietarios. E o máis adecuado é establecer liñas de axuda que non deixen lugar a dúbidas", apunta Enrique Núñez.
CRÉDITOS BRANDOS
A nova Federación tamén demanda a posta ao dispor de empresas e autónomos de créditos brandos sen intereses xestionados de forma directa por medio do Instituto de Crédito Oficial (ICO), ou o (IGAPE) sen ter que pasar pola mediación das entidades bancarias.
Outras medidas que pide esta patronal pasan polo aprazamento sen penalización dos vencementos en bancos ou a aplicación de carencias que se traspasarían ao final da vida do préstamo, así como o aprazamento de pago a provedores.
"Solicitamos a todas as administracións que paguen as facturas ás pequenas empresas que en moitos casos pagan a noventa días e agora máis que nunca as pemes necesitan liquidez. Que se axilice o pago das axudas do Bono Autónomo de 2019 e a que se resolvan, canto antes, as deste 2020", conclúen.