Campo Lameiro desinfecta os principais lugares de paso da vila
Por Redacción
Operarios municipais comezaron a desinfectar de modo preventivo os principais lugares de paso de Campo Lameiro, ante a emerxencia sanitaria decretada polo coronavirus.
Os traballadores, perfectamente protexidos, están actuando en lugares de especial sensibilidade e tránsito de persoas nestes días como supermercados e tendas de alimentación, farmacias, centro de saúde, a Praza do Concello, entidades bancarias ou oficinas municipais.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, publicou ademais un bando coas medidas de atención domiciliaria a persoas en especial situación de vulnerabilidade ante o COVID-19.
Poderán reclamar este servizo persoas de idade avanzada, familias vulnerables e persoas que padezan algún tipo de discapacidade ou teñan mobilidade reducida para o subministro básico de alimentación, produtos de hixiene e farmacolóxico.
Para poder recibir esta axuda, as persoas poden chamar ao teléfono do Concello 986 75 20 34 e os servizos sociais activarán o protocolo axeitado para dar unha resposta inmediata.
Carlos Costa, con todo, fixo un chamamento á tranquilidade e á serenidade da poboación amosando a vontade activa do Concello de estar á súa disposición para ofrecer axuda "permanente e inmediata" a quen o necesite.