Desinfectan varios puntos do municipio de Cerdedo-Cotobade
Por Sara Iglesias
O Concello de Cerdedo-Cotobade está a acometer un intenso labor de desinfección e limpeza nos puntos especialmente sensibles e de maior risco de conter ou contaxiar o coronavirus en todo o territorio municipal. En concreto, estas tarefas estanse a desenvolver nas inmediacións da residencia e centro de día de Cerdedo, os tres centros de saúde e os supermercados e tendas de alimentación. Ademais, está previsto que está medida se espalle de inmediato ás farmacias, que tamén son un punto de bastante afluencia durante o actual estado de alarma.
As tarefas están coordinadas polos responsables das brigadas municipais e de Protección Civil e están a ser executadas por efectivos de ambas áreas, que ademais extreman as medidas de seguridade durante estes traballos, cumprindo cos protocolos sanitarios.
Deste xeito, estas labores de desinfección están a chegar aos principais puntos sensibles das localidades de Carballedo, Tenorio, Cerdedo e Quireza. En caso de que sexa necesario, a súa extensión está aberta a algún outro espazo de calquera lugar do concello onde se estime oportuno.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, coordina todo o operativo por medios telemáticos e telefónicos illado desde o seu despacho. Destacou a importancia "de todos os traballos que estamos a realizar ao abeiro dun plan municipal transversal, que abrangue a todas as áreas, dende as sociais ata as loxísticas, e dentro do cal ten un peso fundamental a desinfección".
Ademais, quixo agradecer a "desbordante colaboración, solidariedade, unión e responsabilidade" dos veciños de Cerdedo-Cotobade e animounos a seguir nesta liña para superar canto antes esta crise sanitaria ao tempo que incidiu na perseverancia para respectar a corentena e todas as medidas para facer fronte de xeito global ao coronavirus.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade activa un protocolo de xestión sanitaria do lixo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade activa, en colaboración coa comunidade educativa, un servizo de axuda escolar
Por Redacción |
-
Preocupación pola baixa da pediatra de Tenorio: "non é prudente que os nenos teñan que desprazarse ao Hospital Provincial"
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Cuntis continúa coa desinfección dos principais lugares de paso
Por Redacción |
-
Campo Lameiro desinfecta os principais lugares de paso da vila
Por Redacción |
-
A Brilat desinfecta o centro de saúde de Vilagarcía tras detectarse un brote de coronavirus
Por Natalia Puga |
-
Protección Civil desinfecta as rúas de Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
Militares da UME desinfectan as rúas de Pontevedra e controlan as saídas dos cidadáns
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |