O Concello traslada a Fomento a súa preocupación polas inundacións no Nó do Pino
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra trasladou ao Ministerio de Fomento a súa "preocupación" polas inundacións causadas tras as intensas chuvias deste fin de semana.
Segundo o voceiro do goberno local, Raimundo González, aventurou que estes anegamentos na rotonda do recén inaugurado nó do Pino, puideron deberse a que os desaugadoiros estean taponados por restos de terra, aínda que engadiu que esta é unha información que non está contrastada.
"Como é unha estrada de Fomento, é responsabilidade de Fomento", sinalou González Carballo, polo que xa trasladaron a existencia do problema ao Ministerio para que o solucione "porque antes das obras ás pluviais funcionaban correctamente".
Xunto á súa preocupación o concello trasladou un amplo informe elaborado pola empresa Aquagest no que detalla toda unha serie de deficiencias entre as que destaca os problemas creados nos colectores da zona de Lusquiños-Tomeza, o mal funcionamento do by-pass do colector de Salcedo ao de Marcón, o taponamento de catro pozos de rexistro da rede de rede de sumidoiros, entre outras.
En todo caso o voceiro municipal reiterou que esta obra está solucionando o grave problema de tráfico que tiña a cidade.