Coordinación entre Concello da Lama e Protección Civil para a atención de persoas vulnerables durante a alerta sanitaria
Por Redacción
Os voluntarios de Protección Civil, perfectamente protexidos por elementos de prevención de contaxio sanitario, atenderán as demandas domiciliarias de persoas da Lama que vivan soas e con dificultades para acceder a supermercados, farmacias ou entidades bancarias mentres dure a alerta sanitaria.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea e responsables dos Servizos Sociais do Concello mantiveron unha reunión de coordinación para favorecer a atención domiciliaria dos colectivos vulnerables.
O obxectivo, aseguran, é dar resposta ás necesidades de persoas que viven soas e que se atopan nos seus domicilios con escasas posibilidades de mobilidade e de transporte para poder acceder a alimentos e servizos de primeira necesidade.
Os voluntarios de Protección Civil coordinaranse en cada caso cos responsables de Servizos Sociais.
Farano sempre, sinala o Concello, provistos de todas as medidas de prevención como máscaras, luvas e uniformes de continxencia para evitar contaxios e a propagación do coronavirus.