A Deputación modifica as axudas de emerxencia para os concellos
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra remitiu este mércores aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia unha comunicación para informar que o próximo venres publicarase no BOPPO a resolución presidencial de modificación das bases reguladoras das axudas básicas de emerxencia para este ano 2020.
A finalidade da modificación é que os concellos poidan solicitar á Deputación o 100% do importe que lles corresponde para poder atender con maior axilidade orzamentaria as necesidades das persoas máis vulnerables durante o Estado de Alarma decretado polo COVID19.
Terán prioridade as axudas destinadas a cubrir as necesidades das familias con menores ao seu cargo que se atopen en situación de exclusión social ou en risco de estalo, e inclúense atencións de carácter complementario.
CENTRO PRÍNCIPE FELIPE
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presidiu este mércores a quinta xuntanza do Comité de Seguimento do COVID19 no Centro Príncipe Felipe.
Entre as medidas temperás adoptadas no Príncipe Felipe, creáronse dous "minihospitais de día" aproveitando o espazo de dúas unidades que, por mor desta crise, están sen utilizar. Estes espazos quedaron pechados, perfectamente desinfectados, e dotados con sete camas cada un por se fosen necesarios para unha primeira atención.
Ao mesmo tempo, por iniciativa da responsable médica do centro, creouse tamén unha zona de illamento para realización de probas a posibles casos sospeitosos de COVID19. Decisións que se suman á contratación temporal de dúas persoas para reforzalo servizo de Enfermería e á adquisición precoz de material de autoprotección (máscaras, batas, gafas e hidroxel).
Os nenos do Centro de Día, que xa non están nel dende a suspensión efectiva das clases, están a recibir unha monitorización individualizada nos seus domicilios por parte das traballadoras sociais do Príncipe Felipe.
O Comité de Seguimento subliñou que, a pesar da extraordinaria situación que se está a vivir, a actividade pedagóxica continúa desenvolvéndose no Príncipe Felipe. Os nenos continúan coa súa actividade educativa, de lecer, de saúde e desenvolvemento persoal coas únicas restricións derivadas da situación de illamento provocada pola pandemia de coronavirus. En todo caso, recalcouse, isto non está a afectar á súa atención educativa e psicosocial.
Relacionadas:
-
Reforzan as medidas de desinfección e protección e o persoal do Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A Deputación dá luz verde a axudas e anticipos tributarios aos concellos por máis de 25 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Reclaman á Deputación que axude comprando material sanitario
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación libera catro millóns de euros para axudar aos concellos pequenos a loitar contra o coronavirus
Por Redacción |
-
Mantense o normal funcionamento dos composteiros comunitarios
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación fixa "persoal crítico" e mantén toda a actividade no Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación dará atención prioritaria a Príncipe Felipe ante a epidemia de coronavirus
Por Oskar Viéitez |