Caldas de Reis paraliza o cobro dalgunhas taxas
Por Oskar Viéitez
No Concello de Caldas de Reis a Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do Covid-19 presidida polo alcalde, Juan Manuel Rey, continúa avaliando medidas para afrontar a situación de alerta. Nesta liña, o rexedor asinou este mércores un decreto con novas iniciativas destinadas a paliar os efectos negativos sobre a economía das familias e dos pequenos negocios locais que poida provocar a vixencia do actual Estado de Alarma.
Deste xeito, o Concello anuncia a paralización no cobro dos prezos públicos correspondentes aos servizos de gardería municipal, á utilización da piscina e das instalacións deportivas e ás ensinanzas oficiais impartidas na escola de música.
Ao mesmo tempo, paralízase o cobro de taxas pola ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, terrazas ou plataformas e tamén quedan en suspenso as tarifas pola ocupación de vía pública con postos de venda, espectáculos ou atraccións.
Estas medidas terán plena vixencia mentres dure o Estado de Alarma e son aprobadas ante a imposibilidade de ofrecer os mencionados servizos debido á situación de alerta.
Doutro lado, o Concello xa estuda implantar novas accións de carácter social en virtude do Real Decreto que vén de aprobar o Goberno do Estado, así como a posibilidade de establecer outro tipo exencións e bonificacións a comercios, autónomos e empresas, dentro do que sexa posible no ámbito competencial municipal e que poidan reforzar outras medidas de carácter estatal ou autonómico.