Unha escordadura nun nocello mobiliza os Bombeiros do Morrazo e a Policía local de Bueu
Por Redacción
Unha chamada do servizo de Emerxencias do 112 alertaba ás 18:40 horas da tarde aos Bombeiros do Morrazo e á Policía local de Bueu. Unha muller telefonara ao servizo de emerxencias porque se torcera un nocello. A incidencia non parecía grave senón fose porque a muller se encontraba, acompañada dunha menor, nunha zona rochosa, de difícil acceso, entre as praias de Area de Bon e de Lagos.
Ata o lugar tiveron que ir as dotacións dos Bombeiros do Morrazo e da Policía local para intentar auxiliar a muller. Non obstante, a falta de camiños e a necesidade de transportar a muller nunha padiola obrigou a que os integrantes de ambos os dous corpos tivesen que darlle moitas voltas aos miolos para chegar ata a zona de complicado acceso, segundo informaron fontes policiais.
A operación de rescate levou case hora e media entre localizar a muller e trasladala despois na padiola ata unha unidade do 112 que a trasladou a un centro sanitario para tratar a lesión.