O Camiño dá por perdida a campaña de Semana Santa, pero as reservas do verán mantéñense
Por Manu Otero
O ano novo entrou con mal pé no Camiño de Santiago. Se cada inverno o volume de peregrinos reséntese, os albergues esperaban ansiosos a chegada da Semana Santa, que marca o inicio da tempada alta no roteiro compostelán, pero a pandemia do coronavirus arruinou a chegada dos primeiros camiñantes da vía portuguesa na que todos os albergues permanecen pechados desde o 13 de marzo. "A Semana Santa está perdida porque non se vai a poder abrir e se se puidese, só virían peregrinos de zonas próximas", lamenta o presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores.
A incerteza sobre a duración do confinamento tampouco contribúe ao optimismo. "O Camiño está pechado, nós temos a unha persoa no albergue pero desde o venres non chegou ninguén. Tampouco sabemos canto vai durar, estamos pendentes do que nos vaia dicindo o Goberno", detalla o xerente do albergue público de peregrinos de Pontevedra.
A pesar do peche, as boas previsións de chegada de peregrinos para este ano seguen intactas. "Por agora as reservas de grupos grandes para o verán non se cancelaron", recoñece Lores, a quen polo momento só lle consta a suspensión da chegada dun grupo de cincuenta peregrinos portugueses con discapacidade intelectual que tiñan previsto completar o Camiño durante a Semana Santa.
Outro motivo para a esperanza que rolda a mente dos que se gañan a vida co roteiro xacobeo é que "despois de tantos días de peche, haberá moita xente que quererá facer o Camiño para liberarse", confían desde a asociación.
O decreto do peche de albergues pola pandemia non colleu por sorpresa aos albergues. A finais do mes de febreiro, a situación en Italia e os primeiros casos en España xa puxera en alerta ao sector. "O que está a facer a UME agora nós xa o faciamos antes. Mediamos a temperatura aos peregrinos e dabámoslles limpiamanos. Ningún superou os 36 graos", confesa Lores, quen atendeu a visitantes procedentes de diversos recunchos de Europa, italianos incluídos. "A partir de xaneiro deixaron de vir asiáticos", puntualiza.
No momento de pechar as portas, había sete persoas aloxadas no albergue pontevedrés no medio da súa peregrinación cara a Santiago. "Non podían continuar a pé porque non se ían a atopar albergues abertos", contextualiza Lores. Algúns optaron por coller un tren cara á capital galega, outros prefiriron cancelar a súa viaxe e algúns foron de hotel á espera de acontecementos. "Tiñamos a un brasileiro que conseguiu chegar ata Muxía, chamoume hai uns días para contarme que xa regresara sen problemas a Brasil", detalla.
A duración da corentena e o tempo que estará suspendida a actividade nos albergues é aínda descoñecida. A sociedade está convencida de que se prolongará máis dos catorce días decretados polo Goberno, pero no Camiño de Santiago están convencidos de que a peregrinación regresará con forza cando se restableza a normalidade. "Despois de todo isto, o Camiño vaise recuperar e o 2021 seguro que vai ir ben", augura sen perder a esperanza o presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués.
Relacionadas:
-
Termómetro nada máis chegar, botas desinfectadas e un terzo do aforo: así se adapta o albergue aos peregrinos da era Covid-19
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Os valores do Camiño Xacobeo reforzáronse, facelo vai ser moi terapéutico"
Por Marisa Ciordia |
-
Instan a colocar recortables, debuxos ou ramas de oliveiras en xanelas o Domingo de Ramos
Por Redacción |
-
A hostalería pontevedresa reclama máis medidas económicas para minimizar o impacto da crise
Por Oskar Viéitez |
-
Cáritas e o Concello habilitan dous albergues para que as persoas sen fogar pasen a corentena
Por Redacción |
-
Novas medidas de contención da Xunta, que regula a actividade de talleres de reparación
Por Natalia Puga |
-
O duro inverno dos albergues de peregrinos
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Pontevedra terá un papel "protagonista" no Xacobeo 2021, avanza Román Rodríguez
Por Alejandro Espiño |