A Policía Local de Poio identifica dous menores madrileños practicando deportes náuticos en Chancelas
Por Redacción
A Policía Local de Poio identificou a dous mozos menores de idade este domingo na praia de Chancelas practicando deportes acuáticos e incumprindo as medidas de confinamento decretadas polo Goberno para frear a propagación do coronavirus COVID-19. Despois de recibir a chamada de veciños, os axentes comprobaron que eran dous menores residentes en Poio pero naturais de Madrid.
Lembran desde a xefatura da Policía Local que o Concello xa prohibira o acceso a paseos, sendas, parques e praias, polo que os proxenitores dos infractores, que tamén foron identificados, expóñense a unha sanción de entre 601 e 30.000 euros.
Doutra banda, os axentes localizaron entre o domingo e o luns preto dunha decena de establecementos que permanecían abertos a pesar da prohibición e de non formar parte da lista de excepcións autorizadas polo Goberno, como son as farmacias, supermercados, quioscos otiendas de alimentación; polo que procederon á súa identificación. Non tramitaron sancións, pero si realizaron os pertinentes requirimentos para que pechasen as súas portas de inmediato. Se reinciden, a multa pode chegar ata os 600.000 euros.
A pesar destas incidencias puntuais, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, quixo resaltar "o comportamento cívico e exemplar que está tendo a veciñanza de Poio á hora de facer fronte a unha situación tan complexa".
Relacionadas:
-
Poio solicita a desinfección no centro de maiores Ballesol
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local de Poio habilita unha liña telefónica exclusiva para atender casos relacionados co estado de alarma
Por Redacción |
-
Sorprenden dúas persoas merodeando casas en Poio para intentar roubar nelas
Por Redacción |
-
Os concellos vixían o cumprimento do estado de alarma polo coronavirus
Por Oskar Viéitez |
-
Poio precinta os parques para evitar a propagación do coronavirus
Por Redacción |