Cerdedo-Cotobade só mantén operativa a recollida de lixo o Servizo de Axuda no Fogar e o alumeado
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de decretar o novo funcionamento dos servizos municipais como consecuencia do decreto do Estado de Alarma ante a crise sanitaria do coronavirus e decidíu a redución e reorganización dos mesmos de tal xeito que só se manterán operativos a limpeza e recollida de lixo, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) na modalidade de dependencia –quedando a básica a criterio de Servizos Sociais segundo o caso– e o mantemento de alumeado público.
Ademais, ditaminouse que as dúas sedes administrativas funcionarán a porta pechada entre as 9.00 e as 14.00 horas cun máximo de dous traballadores co establecemento de quendas rotatorias, mentres que o resto do persoal cumprirá coas súas funcións a través do teletraballo sempre que sexa posible polas características do seu posto.
Tamén decretouse que os funcionarios que acudan ao seu posto de traballo deberán extremar as medidas de seguridade, gardando a máxima distancia posible co compañeiro e reforzando as tarefas de limpeza, e que o resto do plantel deberá estar dispoñible para prestar algún servizo ou acometer algún reemprazo cando sexa requerido.
En canto aos veciños, deberán realizar as súas comunicacións e xestións co Concello de xeito telefónico ou telemático, aínda que se poderá solicitar unha cita previa para algunha cuestión presencial naqueles casos de extrema urxencia que non poidan ser resoltos de xeito efectivo coa administración electrónica.
Finalmente, tamén se acordou a suspensión de todas as sesións periódicas de órganos colexiados, como plenos, xuntas de goberno ou comisións informativas, e a interrupción de todos os prazos de tramitación dos procedementos municipais, que se reanudarán no momento en que cese o Estado de Alarma.