Non será necesario renovar a tarxeta do paro ata o 30 de abril
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Economía, Emprego e Industria informa de que a rede de oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia pecha desde este luns as súas portas ao público para ofrecer aos cidadáns atención tanto telefónica como telemática para a realización dos trámites urxentes, debido ás medidas adoptadas pola evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.
Así entre as medidas adoptadas en coordinación co Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) a máis destacada é que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril.
Se é necesaria a realización de trámites urxentes na demanda, poderán facerse a través da oficina virtual ou vía telefónica, chamando á correspondente oficina de emprego u ao 012.
Tamén quedan suspendidas as citas presenciais de orientación laboral.
O dereito á prestación ou subsidio queda plenamente asegurado
Ademáis non se terán en conta os prazos actualmente establecidos para solicitar a prestación ou subsidio. É dicir, o dereito á prestación ou subsidio queda plenamente asegurado sen ter que cumprir o prazo habitual para solicitalos. Ademais, habilitaranse canles para a recuperación da demanda daquelas persoas inscritas con anterioridade ou para facilitar, no seu caso, a inscrición inicial. E non se esixirá a acreditación da busca activa de emprego (BAE) na solicitude do subsidio extraordinario ou renda activa de inserción.
Este acordo do Centro de Cooperación Operativo conleva unicamente o peche ao público das oficinas do Servizo de Emprego Público de Galicia pero non a clausura do seu servizo aos usuarios que se seguirá ofrecendo polas vías telemática e telefónica co obxectivo de manter a actividade e cumprir, á súa vez, coas recomendacións das autoridades sanitarias.