A Policía Local de Poio precinta as praias e vixía o cumprimento das medidas adoptadas polo Goberno
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Local de Poio impulsa un operativo especial para garantir o debido cumprimento das pautas de actuación e precaución que establecen as medidas adoptadas polo Goberno central e a Xunta de Galicia, logo de decretar, respectivamente, o estado de alarma e o de emerxencia sanitaria.
Coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, o corpo de seguridade ofrécese a resolver todas as dúbidas que se lle poidan prantexar á veciñanza, ben sexa a través da vía telefónica ou das redes sociais.
Recoméndase non acudir persoalmente ás dependencias policiais a non ser que sexa estritamente necesario.
"Tócanos demostrar que somos responsables á hora de asumir as pautas necesarias para evitar posibles contaxios masivos que o sistema sanitario non poida cubrir", indica o máximo responsable da Policía Local, Antonio Duarte.
Cómpre lembrar que o plan de emerxencia, entre outras cousas, establece o peche de diferentes establecementos de lecer, recintos deportivos, parques ou furanchos, entre outros.
O Concello de Poio vén aplicando medidas de prevención desde hai varios días, como o peche previo dos parques infantís, o ximnasio municipal ou a suspensión de actividades de lecer, culturais ou deportivas.
Precisamente, a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, mantén desde primeira hora da mañá reunións cos responsables da Policía Local e Protección Civil para detallar o operativo.
Ademais, impulsarase un bando municipal para tratar de achegar "toda a información que precise a veciñanza para satisfacer as súas inquedanzas".
O Concello de Poio procederá, a partires das 15.30 horas, ao precinto de todas as praias do municipio. Así se determinou nesta reunión de urxencia mantida durante a mañá entre a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e os responsables da Policía Local de da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil. Serán estes corpos os encargados de notificar sobre as medidas adoptadas a todos os establecementos. Ademais, haberá patrullas con megáfonos para informar á veciñanza sen necesidade de que abandonen os seus domicilios.
Logo do estado de confinamento decretado polo Goberno central, o Concello de Poio lembra que o incumprimento das medidas establecidas pode supoñer sancións económicas. Marga Caldas fai un chamamento á cidadanía para que se implique no cumprimento dunhas medidas que "poden resultar decisivas á hora de evitar a propagación do Covid-19, facilitando así o labor ao sistema sanitario"