Suspendidos todos os xuízos e actuacións xudiciais non urxentes desde o luns
Por Natalia Puga
A partir do próximo luns 16 de marzo, quedan suspendidas de xeito provisional todas as actuacións xudiciais non urxentes nos xulgados galegos e quedan detidos os prazos dos procedementos. Así o acordou o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, á vista do decreto que declarará o estado de alarma en todo o Estado.
Para tomar a decisión, o presidente do TSXG tamén tivo en conta as "numerosas consultas, acordos e declaracións" que foi recibindo sobre o modo de proceder xurisdicional no ámbito territorial da comunidade autónoma galega con motivo da crise sanitaria do coronavirus. Así, viuse obrigado a regular de forma provisional certos aspectos.
Os xulgados galegos asumen o acordado polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza e a Fiscalía, e declaran como servizos esenciais calquera actuación xudicial que, de non practicarse, puidese causar prexuízo irreparable; os internamentos urxentes, a adopción de medidas cautelares ou outras actuacións inaprazables, como as medidas de protección de menores, calquera actuación en causa con presos ou detidos e as actuacións urxentes en materia de vixilancia penitenciaria.
Tamén se consideran esenciais os xulgados de violencia sobre a muller, que realizarán os servizos de garda que lles correspondan. En particular, deberán asegurar o ditado das ordes de protección e calquera medida cautelar en materia de violencia sobre a muller e menores.
O Rexistro Civil prestará atención permanente durante as horas de audiencia. En particular, deberán asegurar a expedición de licenzas de enterramento, as inscricións de nacemento en prazo perentorio e a celebración de matrimonios.
Son igualmente esenciais as actuacións con detido e outras que resulten inaprazables, como adopción de medidas cautelares urxentes, levantamentos de cadáver ou entradas e rexistros; e as autorizacións de entrada sanitarias, urxentes e inaprazables, dereitos fundamentais cuxa resolución teña carácter urxente, medidas cautelarísimas e cautelares que sexan urxentes, e recursos contencioso-electorais.
Na orde xurisdicional social, serán esenciais a celebración de xuízos declarados urxentes pola lei e as medidas cautelares urxentes e preferentes, así como os procesos de EREs e ERTEs.
En xeral, son considerados esenciais procesos nos que se alegue vulneración de dereitos fundamentais e que sexan urxentes e preferentes (é dicir, aqueles cuxo aprazamento impediría ou faría moi gravosa a tutela xudicial reclamada).
Relacionadas:
-
Os xuíces de Pontevedra realizaron 435 deliberacións telemáticas durante o estado de alarma
Por Redacción |
-
Regresa a actividade aos xulgados da Parda
Por Oskar Viéitez |
-
Editan unha guía práctica para resolver as dúbidas dos xuíces durante o estado de alarma
Por Oskar Viéitez |
-
A corentena, un obstáculo máis na relación entre pais separados con fillos menores
Por Manu Otero |
-
Os sindicatos rexeitan os servizos mínimos e esixen o peche dos xulgados
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A Xustiza adopta medidas extraordinarias polo estado de alarma
Por Oskar Viéitez |
-
Un acusado de abusar sexualmente dunha menor recoñece que lle enviou unha foto espido: "Arrepíntome"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A actividade xudicial, tamén alterada polo coronavirus
Por Natalia Puga |