O Concello de Vilagarcía retirará a area de Rey Daviña antes de agosto
Por Redacción
O Concello comezará a retirar a area depositada na rúa Rey Daviña na vindeira semana, de xeito que durante todo o mes de agosto e ata o remate das festas a rúa recuperará o seu aspecto habitual.
Tal e como se informara no seu día, para que o solado de pedra se consolide é preciso que a area, nesta ocasión de grao máis fino, se adentre entre unhas pedras e outras. Durante estas ultimas semanas, a empresa encargada das obras fixo aportes constantes de area, mentres que os servizos municipais regaron a zona cada madrugada. Nestes días puidose comprobar que foi moita a area absorbida, polo que todo fai supoñer que o resultado será positivo.
Con todo, é preciso avalialo e, neste sentido, considérase que o movemento que vai soportar a rúa durante todas as festas será un bo test para comprobar se é suficiente a actuación ou ben é necesario insistir nesa tarefa, ben en toda a rúa ou ben nalgunha parte concreta, como por exemplo o entronque de Rey Daviña con Valentín Viqueira e Ramón y Cajal.
En calquera caso, e pasado fin de semana da Noite das Meigas, a empresa e os servizos municipais continuarán co proxecto de reforma e mellora de Rey Daviña e das rúas complementarias.
O Concello pide disculpas polos problemas que estas obras puideron causar aos viandantes, e especialmente aos veciños e comerciantes da zona, pero lembra que esta actuación era absolutamente necesaria para evitar os problemas que viandantes, veciños e comerciantes viñan denunciando dende hai tempo con respecto ao levantamento de adoquíns e lousas.