A Lama ten un remanente de tesourería de 642.000 euros
Por Redacción
O Concello da Lama pechou o ano contable 2019 cun remanente de tesourería de 642.801 euros.
As contas presentadas pola secretaria/interventora accidental certifican que o Concello da Lama cumpre coa regra de gasto e a estabilidade orzamentaria que marca a Facenda estatal e que rematou o ano 2019 sen deixar sen pagar ningunha factura en tempo e forma non tendo que recurrir a ningún recoñecemento extraxudicial de débeda ao ter tódalas súas obrigas ao día.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, tamén se referiu á importancia da xestión realizada ao longo do pasado ano ante outras administracións de rango superior, como a Xunta ou a Deputación de Pontevedra, "que nos permitiron contar con proxectos e investimentos moi importantes e pasar de ter que xestionar un orzamento de 1.557.216 euros inicialmente previstos aos 3.144.085 euros que ao final do 2019 dedicamos á xestión municipal"
O Pleno, ao que non asistiu ningún membro da oposición, serviu tamén para aprobar a proposta de modificación de estatutos e da denominación da Mancomunidade Terras de Pontevedra da que acaban de sumarse tamén os concellos de Barro e de A Lama.
Asemade, durante o Pleno efectuouse o sorteo para a formación das mesas electorais por mor da convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia do 5 de abril.