A Garda Civil detén unha veciña de Marín por condución temeraria cun vehículo roubado
Por Redacción
A Garda Civil detivo a Y.D.L., de 24 anos de idade e veciña de Marín, como suposta autora dos delitos de furto de uso de vehículo a motor e contra a seguridade vial.
Os feitos aconteceron cando no xoves 25, unha patrulla do Destacamento da Garda Civil de Tráfico de Vilaboa intentaba auxiliar a un Opel Corsa, o cal se encontraba estacionado na beiravía da estrada CG 4.1 (Rande-A Madalena), no termo municipal de Moaña. Inesperadamente a persoa que ocupaba os mandos do volante (Y.D.L.) e única ocupante, arranca a gran velocidade de modo temerario, sen respectar as máis elementais normas de circulación e seguridade vial.
Os axentes iniciaron unha persecución pero a condutora, en lugar de deter o vehículo, deuse á fuga a gran velocidade, adiantando en ocasións pola beiravía da dereita aos vehículos que circulaban diante dela e outras invadindo o sentido contrario de circulación obrigando os demais usuarios da vía a esquivala co seu vehículo para evitar a colisión.
Finalmente a Garda Civil logrou interceptala, comprobando que o turismo figuraba como subtraído en Vigo.
A detida quedou en liberdade coa obriga de presentarse na mañá do próximo martes no Xulgado de Instrución número 1 de Cangas onde terá lugar o xuízo rápido.