Unha cámara subterránea localiza a rotura na tubaxe xeral de abastecemento de Sanxenxo
Por Redacción
A concesionaria da rede de saneamento de Sanxenxo e o Concello seguen traballando na reparación da avaría na tubaxe xeral de abastecemento que, á primeira hora da tarde do pasado sábado, asolagou a rotonda de Fontoira, á entrada de Sanxenxo pola vía rápida, e obrigou a cortar a principal arteria de abastecemento do municipio sen que afectase a subministración.
Aínda que a auga aflorou na glorieta, o punto da rotura foi localizado este martes polos operarios a través dunha cámara subterránea nun tramo situado no medio do carril de circulación da rotonda.
A substitución do tramo de tubaxe de seis metros obrigou a cortar un tramo da glorieta, pero quedará habilitado un carril para poder circular.
A rápida resposta da concesionaria no momento no que xurdiu a avaría, que triplicou o persoal de garda, serviu para que a resposta fose inmediata, se realizase un bypass e conectouse á rede de Pontevedra para que non supuxese un problema na subministración.
A actuación que se inclúe dentro dos traballos de mantemento da concesionaria non supoñerá gasto algún ao Concello de Sanxenxo que xa traballa en alternativas para reforzar e mellorar as posibilidades de abastecemento do municipio.