Un control de tráfico 'pilla' un condutor que dera o cambiazo co copiloto que estaba máis ebrio que el
Por Oskar Viéitez
No control de tráfico conxunto establecido esta fin de semana pola Policía Local e a Garda Civil na rotonda de Médico Ballina viviuse unha curiosa anécdota.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, no transcurso do control durante a madrugada os axentes detectaron como un coche que se aproximaba cara a eles desde a estrada de Lérez-Monte Porreiro reducía súbitamente a súa marcha e abeiraba na beiravía. A continuación o condutor cambiouse de asento co copiloto.
Os axentes procederon a dar o alto ao vehículo e solicitaron explicacións aos seus dous ocupantes.
A continuación ambos os individuos foron sometidos á proba de alcoholemia que arroxou un resultado positivo nos dous casos.
Sorprendentemente o test desvelou que o copiloto estaba máis ebrio que o primeiro condutor que manexaba o vehículo.
A maiores este home tamén foi multado por non levar o cinto de seguridade posto, xa que coas présas do cambiazo esqueceuse de engancharse o dispositivo mentres se dirixía cara ao control preventivo.